Outra vez Venezuela

Josep Manel Busqueta Franco - 30 Xan 2026

En Venezuela asistimos a unha operación imperialista de manual, no contexto dunha pugna global entre as grandes potencias polo control dos territorios e os recursos que lles deben outorgar a posibilidade de se reproduciren nun futuro definido pola escaseza e os límites ecolóxicos

 Venezuela ocupa o lugar dunha periferia do centro: eses territorios que o poder colonial primeiro, e as multinacionais despois, utilizaron para saquear os seus recursos e explotar a súa poboación. Historicamente foi o cacao o gran produto cobizado de Venezuela, até que, a primeiros do século XX, coincidindo co auxe da industria do automóbil, se descubriron os primeiros pozos de petróleo na zona de Maracaibo. Desde ese momento, a explotación do ouro negro por parte do capital internacional, sobre todo dos EUA, en conivencia coas elites nacionais, converteuse no modelo de desenvolvemento do país. A consecuencia diso foi a consolidación dun país onde unha pequena elite se enriquecíase a mancheas mentres a maioría vivía na pobreza. O sector primario, á marxe do petróleo, e o sector secundario convertíanse en irrelevantes para o desenvolvemento dun país onde a maioría da poboación se foi concentrando na zona costeira.

 Un par de datos: durante a década dos setenta do século pasado, Venezuela tiña unha renda per capita equivalente á dun país como Italia e, malia iso, era o terceiro país máis desigual do mundo. até a chegada de Chávez ao poder, o 90 % dos produtos que se consumían eran importados.

 En 1989, o “Caracazo« —a primeira gran revolta contra os programas de axuste neoliberal que, neste caso, pretendía impoñer Carlos Andrés Pérez— saldouse cun baño de sangue que significou a activación definitiva da revolta do pobo venezolano até cristalizar na vitoria de Chávez en 1998. Esta foi unha moi mala noticia para os EUA, que viron como o que até daquela fora un goberno vasalo se convertía nun goberno coa vontade de tomar a iniciativa sobre os seus recursos. Era tamén unha moi mala nova para as elites nacionais.

 A partir dese momento, a poboación que se encontraba nun status inferior ao das súas mascotas tomaba o control da riqueza nacional, aquela que as elites consideraban súa por natureza. Era unha moi boa nova para a maioría da poboación venezolana: por primeira vez era recoñecida como cidadanía con capacidade de decidir no seu propio país, con dereito a ter acceso a unha parte da renda petroleira, da que sempre estivera excluída. Os cambios en Venezuela apenas tardaron. Durante os primeiros anos conseguiuse avanzar en numerosos programas sociais, eliminar o analfabetismo no país e dotar do status de cidadanía á maioría da poboación até ese momento excluída da vida social e política.

 A reacción ante a "desvergoña" que supoñía que a xente pobre gobernase un país cunha das maiores reservas de petróleo do mundo tampouco non tardou. Desde o primeiro momento e até a actualidade, onde xa se contan máis de vinte e sete anos desde a vitoria de Chávez, foron moitos os ataques que recibiu a revolución bolivariana: o golpe de Estado de 2002, apoiado polos sectores empresariais nacionais e internacionais —cómpre lembrar que a banda presidencial do presidente golpista confeccionouse nunha xastraría de Madrid—; a folga petroleira e o boicot produtivo durante 2002‑2003, que fixeron célebre o lema popular de apoio ao goberno: “Con hambre y sin empleo, con Chávez me resteo [Con fame e sen emprego, apoio a Chávez]”; en 2004, o Goberno, no medio de fortes tensións e ataques paramilitares (operación Daktari), gañou un proceso revogatorio que consolidou a Chávez no poder.

 Desde 2010, Venezuela foi obxecto dunha estratexia de dominación baseada en sabotaxes, un novo golpe de Estado —o do autoproclamado nunha praza, J. Guaidó—, asfixia financeira (Venezuela ten bloqueadas vinte e unha toneladas de ouro da súa propiedade no Banco de Inglaterra), intentos de asasinato con drons ao seu presidente e sancións económicas que estrangularon a súa economía e a súa poboación. O Centro para a Investigación das Políticas Económicas (CEPR) contabiliza que as sancións económicas supuxeron a morte de máis de 40 000 venezolanos desde o momento da súa aplicación. A pesar desta situación de acoso e derruba á que o poder económico e político do capitalismo global someteu a Venezuela, este ano 2026 o FMI prognostica un crecemento para o país por riba do 5 %. En boa medida, isto explícase grazas aos acordos económicos e comerciais que Venezuela estableceu con Rusia, China, Irán e o resto de países da contorna dos BRICS.

O secuestro do presidente Maduro

 É neste contexto no que o día 3 de xaneiro espertamos coa alucinante noticia do secuestro do presidente Nicolás Maduro e da súa esposa, Cilia Flores. Esta operación, que vulnera de forma flagrante o dereito internacional, foi executada, nun primeiro momento, como unha operación contra o narcoterrorismo. Pero poucas horas despois, o mesmo presidente dos EUA aclaraba que o verdadeiro interese do golpe militar estaba motivado pola vontade de controlar o petróleo de Venezuela e, sobre todo, impedir que este puidese quedar baixo mando de Rusia e China. Ademais, na súa deriva megalómana, estendía a súa ameaza a outros países como Colombia, México ou incluso Grenlandia, pertencente a Dinamarca, un país da OTAN e da UE.

 Asistimos, pois, a unha operación imperialista de manual, no contexto dunha pugna global entre as grandes potencias polo control dos territorios e os recursos que lles deben outorgar a posibilidade de se reproduciren nun futuro definido pola escaseza e os límites ecolóxicos. É un escenario no que ecoa fortemente o de inicios do século XX, cando os grandes países capitalistas en crise tamén se disputaron o mundo. Nese momento xurdiu a discusión sobre se as grandes potencias chegarían a un consenso ou, en cambio, a súa ambición as levaría ao conflito. Esta era a postura defendida por Lenin e foi a que finalmente se impuxo, levando ao mundo a dúas guerras mundiais. A pantasma da guerra global paira novamente sobre as nosas cabezas, co agravante de que hoxe as grandes potencias contan con arsenal nuclear.

Algunhas notas sobre as propostas desenvolvidas polo goberno bolivariano en materia de agricultura e soberanía alimentaria

 Como xa se sinalou anteriormente, Venezuela, como periferia do centro caracterizada pola exportación de cru, consolidou unha estrutura produtiva sen practicamente presenza do sector primario. En Venezuela, o 5 % da poboación controlaba o 75 % da terra. Desde o primeiro momento, o obxectivo da reforma agraria e a vontade de incrementar o nivel produtivo foron dous eixos políticos centrais. Neste sentido xogou un papel determinante a Lei de Terras e do Desenvolvemento Agrario de 2001. Os obxectivos da lei centrábanse en acabar co latifundio, promover a xustiza social e garantir a seguridade agroalimentaria. A este obxectivo respondía tamén a Lei Orgánica de Seguridade e Soberanía Agroalimentaria, co propósito de estabelecer o marco xurídico para garantir o dereito á alimentación, regular a produción nacional e protexer a produción local.

 Baixo este marco iniciouse unha decidida política para intentar poñer a producir as terras ociosas. Para iso ofrecíase aos propietarios axuda financeira e técnica para explotar as hectáreas que considerasen oportunas, propondo que o resto da súa propiedade sería explotada baixo a dirección pública a través de distintos proxectos rurais comunitarios, públicos e cooperativos. Isto xerou un forte conflito, ao ser considerada a proposta como un ataque contra a propiedade privada.

 Os alimentos e o seu abastecemento sempre foron unha arma de guerra. En Venezuela, os boicots, o acaparamento e as sabotaxes usáronse para desestabilizar o Goberno. Os poderes máis importantes a nivel agroindustrial, como sería o caso de La Polar —o conglomerado industrial privado máis grande do país—, están en mans de empresarios contrarios ao Goberno, ao igual que as transnacionais dedicadas á alimentación, como sería o caso de Parmalat, unha das líderes no boicot ao fornecemento de leite. Estas empresas dedicáronse sistematicamente a vulnerar as políticas de control de prezos e garantía de abastecemento, sobre todo nos momentos de maior tensión no país, para provocar a caída do Goberno.

 Para contrarrestar estes intentos, o Goberno tentou desenvolver políticas públicas de abastecemento. Cómpre salientar a rede de supermercados públicos Mercal, co obxectivo principal de distribuír alimentos básicos subvencionados a través dunha rede de estabelecementos estatais e populares. Tamén se deben destacar os CLAP (Comités Locais de Abastecemento e Produción). Estes comités distribúen caixas ou bolsas de alimentos directamente aos fogares organizados a nivel comunitario. Así mesmo, foi un obxectivo do Goberno o fomento da produción comunal e popular, tanto rural como urbana; para iso, desenvolvéronse numerosos programas de apoio técnico e financeiro.

 Ademais do conxunto de políticas públicas, en relación ao desenvolvemento da soberanía alimentaria en Venezuela, xogaron un papel clave as propostas desenvolvidas de forma autoxestionada a través da rede de comunas que conforman a Unión Comunera. Esta foi unha modalidade xenuinamente popular que permitiu o avance do modelo socialista en Venezuela. Ademais, é ben destacar o Plan Pueblo a Pueblo, iniciado desde zonas rurais a partir de 2015 como unha forma de vencer e superar as sancións económicas. Este plan baséase en conectar de maneira directa comunidades rurais produtoras con consumidores urbanos. A través deste plan conseguiuse subministrar alimentos frescos a máis de 100.000 escolares mensualmente, ademais de distribuír, entre 2015 e 2020, máis de 4 toneladas de alimentos directamente aos fogares.

 Malia o permanente boicot e sabotaxe nacional e internacional, das sancións e dos moitos erros e torpezas que merecerían unha profunda revisión autocrítica, a efectividade de todas estas políticas foi destacábel, sen prexuízo de afirmar que persisten moitos dos problemas no modelo produtivo. Segundo a FAO, en 2024 o 97 % da demanda estaba cuberta por produción nacional, un gran cambio fronte á importación do 85 % dos alimentos hai unha década. Non obstante, nalgúns produtos chave como o millo e o trigo a dependencia das importacións continúa sendo importante. Considérase que unha de cada dúas arepas se fai con millo importado.

 A estrutura da propiedade da terra continúa moi concentrada, a pesar de que máis de dous millóns de hectáreas foron distribuídas entre máis de 100 000 persoas campesiñas, non sen custo social e humano, pois a represión sobre os liderados campesiños foi notábel desde a promulgación da Lei de Terras en 2001, contabilizándose máis de 350 campesiños desaparecidos e asasinados.

 O secuestro do presidente e a continuidade do goberno bolivariano, en mans da institucionalidade bolivariana representada por Delcy Rodríguez, aceptada polos EUA, ofrecen moitos interrogantes sobre a posibilidade de continuidade do proxecto bolivariano. Só o tempo e o desenvolvemento dos acontecementos, tanto a escala internacional como a nivel interno —nos EUA e en Venezuela—, nos ofrecerán as claves do seu devir. Nesta ecuación non conviría menosprezar o papel que poida ter o pobo venezolano: unha sociedade que desde hai máis de tres décadas se sente protagonista do devir do seu destino e que dificilmente abdicará desa tarefa.

 

[Artigo tirado do sitio web da revista Soberanía Alimentaria, do 16 de xaneiro de 2026]