Outra vez Kosovo, outra vez os Estados Unidos
Kosovo autoproclamouse república independente o 15 de xuño de 2008, recoñecida por algunhas decenas de países, encabezados polos Estados Unidos. Construíuse alí unha gran base militar estadounidense, punta de lanza para a guerra contra a rexión do Oriente Medio, así como para levar adiante os plans contra Rusia
Para analizar a situación de hoxe ao redor de Kosovo, necesariamente hai que se retrotraer á data do 24 de marzo de 1999, cando os Estados Unidos e a OTAN emprenderon os bombardeos contra a entón Iugoslavia, baixo o falso argumento de que se estaba cometendo unha limpeza étnica contra os albaneses que viven nesa provincia serbia.
Naquela bárbara acción militar que durou 78 días, uns 3.000 civís serbios morreron, incluíndo 89 nenos e máis de 12.500 resultaron feridos, destruíuse boa parte da infraestrutura do país e como resultado foi desintegrada a República Federal de Iugoslavia.
O mundo coñeceu e denunciou os feitos, coa frustración de que nin unha condena na ONU se impuxo aos gobernos estadounidenses e á devandita OTAN, por un crime que nin foi consultado nin foi aprobado polo Consello de Seguridade.
Non se coñecía nin se falaba moito para esa data sobre o que son hoxe as fake news ou noticias falsas, que predominan nos nosos días.
Desde aquela, os propios protagonistas daquela acción fixeron incursións, con iguais ou peores pretensións, contra Iraq, Afganistán, Libia, Siria, e teiman en perigosas provocacións contra Rusia, Irán e outros países.
O que ocorre na actualidade en Ucraína é un claro exemplo do uso da montaxe mediática para exacerbar o odio contra Rusia e para mover todas as fichas da guerra para cercar o xigante eslavo.
Kosovo autoproclamouse república independente o 15 de xuño de 2008, recoñecida por algunhas decenas de países, encabezados polos Estados Unidos. Construíuse alí unha gran base militar estadounidense –entre as maiores do mundo–, punta de lanza para a guerra contra a rexión do Oriente Medio, así como para levar adiante os plans contra Rusia.
Mais a exacerbación do odio antiserbio, pola minoría albanesa, púxose de manifesto estes días, cando os albaneses de Kosovo tomaron o Concello de Kosovska Mitrovica, onde a pasada semana se despregaron centenares de policías, nunha zona poboada maioritariamente por serbios, acto que foi condenado por Belgrado.
Entrementres, a primeira ministra de Serbia, Ana Brnabic, acusou o goberno dos Estados Unidos de «dirixir ao mundo en lugar de que o faga a ONU». «Vexo que o enviado do goberno dos Estados Unidos á zona, Gabriel Escobar –quen visitou Kosovo o 13 de decembro–, asumiu o papel do Consello de Seguridade da ONU e, xunto a parte do Parlamento europeo, anulou a Resolución 1244 do Consello de Seguridade, aprobada o 10 de xuño de 1999, que autorizaba unha presenza internacional, tanto civil como militar nesa rexión».
Outra vez Kosovo, outra vez os Estados Unidos, quentan o ambiente de confrontación nunha rexión onde o que se necesita é paz e non inxerencia foránea.
[Artigo tirado do xornal cubano Granma, do 20 de decembro de 2022]