SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación o 4 de febreiro en Santiago

A plataforma chama ás galegas e galegos a asistir masivamente á protesta e "encher o Obradoiro"
Nacional - 19 Xan 2024

A Plataforma SOS Sanidade Pública vén de anunciar a convocatoria dunha gran mobilización para o día 4 de febreiro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, contra o desmantelamento da Sanidade Pública. Unha convocatoria lanzada tras constatar que os orzamentos da Xunta para o ano 2024, lonxe de responder ás necesidades reais da sanidade pública galega, consolidan a actual situación de “debilitamento e privatización”.

A Plataforma alerta da situación límite da Atención Primaria e os graves problemas de accesibilidade da atención hospitalaria -só se publican as listaxes de agarda estruturais mentres se agochan as reais- o que ocasiona retrasos nos procesos, xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións cirúrxicas en realizarse. Un grave problema ao que se engade a falta de profesionais nos hospitais, que se ven obrigados a atender a máis doentes dos que recomendan as sociedades científicas. 

SOS Sanidade Pública reclama ademais a presenza da Psicoloxía Clínica na Atención Primaria, para atender as enfermidades relacionadas coa saúde mental. Un problema emerxente na sociedade que se está atendendo con psicofármacos cando o que se precisan son profesionais.

Por iso a plataforma chama a participar masivamente na manifestación prevista en febreiro, para exixir que se desenvolvan todas as súas capacidades destinando os orzamentos necesarios para garantir a axeitada dotación de medios materiais e humanos porque “outra sanidade pública é posíbel”.