Ourense leva sen helicóptero medicalizado desde o 1 de outubro ás 17:00 horas
Ás 17:00 horas do pasado sábado, día 1 de outubro, Ourense quedaba sen helicóptero medicalizado. Iso significa que a área sur de Galiza queda sen posibilidade de transporte aéreo urxente medicalizado. Unha situación que a día de hoxe persiste dependendo todo o país dun único helicóptero con sede en Santiago.
Segundo explica a delegada sindical da CIG na Base do 061 de Ourense, Susana Rodríguez, a causa foi a retirada do aparello en cumprimento dos requisitos legais que teñen que cumprir. Un cambio programado que “era totalmente previsible” máis que Eliance, a empresa concesionaria do servizo, non foi quen de predispor e “non teñen outra máquina dispoñíbel”.
Rodríguez sinala que para dar solución á falta de medios aéreos, a FPUSG-061 falou coa empresa As Burgas, concesionaria do servizo de transporte urxente sanitario en Ourense, e desde a ausencia do helicóptero, puxo unha ambulancia medicalizada no seu lugar. Unha decisión que para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira “é un parche que non resolve o problema xa que non cubre o ámbito de actuación do helicóptero nin garante os tempos de resposta”.
A isto engade que esa ambulancia medicalizada “era xa unha necesidade cando estaba operativo o helicóptero e seguirá a selo cando se recupere o seu servizo, polo que exiximos a recuperación do helicóptero e o mantemento da ambulancia medicalizada”.
Cómpre lembrar que en toda a provincia de Ourense só hai unha ambulancia medicalizada cando é a provincia con maior dispersión e comunicacións máis complicadas fronte a outras que teñen máis ambulancias medicalizadas, que a pesar de todo son insuficientes dada a demanda existente.
O Sur sen cobertura
No mesmo sentido a delegada da CIG lembra que os servizos realizados por H4 (helicóptero de Ourense) en toda a área sur de Galicia, xa que dito helicóptero desprazábase por toda a área Sur da provincia de Pontevedra, Ourense, e sureste de Lugo. Segundo Rodríguez, as zonas máis afectadas son as máis afastadas das capitais de provincia, onde o 061 si conta con unidades de soporte vital avanzado terrestre. “Pobos fronteirizos con Portugal, a montaña ourensá e lucense e zonas interiores da provincia de Pontevedra, ou o Baixo Miño, quedan desprovistas dun servizo de transporte medicalizado rápido co que contaban ata o día 1 de outubro”.
Neste sentido, Moreira considera “evidente” a falta de previsión das autoridades sanitarias ao saber que a vida útil deste helicóptero remataba o 1 de outubro e “non ter tomado medidas, diante da empresa titular da concesión do servizo, para garantir a continuidade con outro helicóptero que cumprira as condicións do concerto”.
A modo de exemplo explica que nestes días tiveron que ir atender un cazador ferido por un xabaril. Unha atención que tería que se ter prestado utilizando como medio o helicóptero e tivo que atenderse con ambulancia, co que iso supón de demora en tempos e en dificultades para o traslado.
Incumprimento dos termos da concesión
Por iso, Susana Rodríguez considera que isto supón un claro incumprimento do contrato no que, segundo os pregos, figura que Eliance ten que ter un helicóptero medicalizado en Ourense os 365 días do ano. Un incumprimento que podería comportar unha multa de até 6.000 € e que nin sequera é a primeira vez que se produce, porque xa ten ocorrido que houbera que cambiar unha peza que por vida útil se sabía que habería que cambiar nese momento e que deixou inutilizado o helicóptero. “Unha circunstancia que a empresa xustificou diante do SERGAS como unha avaría cando non se trataba de tal”.
En todo caso, a delegada da CIG asegura que a dispoñibilidade de helicóptero non é o único incumprimento de Eliance, “xa que a empresa tampouco garante que estean a dispor no aparello medios como parches para desfibrilar ou outro material funxible que sempre levan a mínimos”.
Por iso considera que non sería de recibo que o ano que vén, cando venza o contrato, se lle prorrogue.
Esta situación non sabemos ata cando se vai manter xa que a empresa Eliance di dispoñer dun helicóptero que agora mesmo está avariado e que podería enviar a Ourense, aínda que non explicou cando estará dispoñible.