Ourense acolle unha nova protesta do persoal de Viaqua en demanda dun convenio digno
O cadro de persoal de Viaqua, concesionaria dos servizos municipais de abastecemento e depuración de distintas localidades galegas, continuou este luns en Ourense as mobilizacións para reclamar un convenio digno e denunciar o inmobilismo da empresa nas negociacións. A protesta de hoxe, na que participaron arredor de 60 persoas, consistiu nunha manifestación dende a Praza Maior até as instalacións da compañía, na rúa Avilés de Taramancos.
A representación sindical e a dirección de Viaqua levan ano e medio negociando un convenio que afecta os máis de 500 traballadores/as que a empresa ten por todo o país, “pero as conversas non avanzan polo inmobilismo da dirección, que non ten présa en chegar a un acordo, como demostra o feito de que tardou dous meses e medio en responder á nosa última proposta”.
O presidente do comité intercentros, Fernando Romero, da CIG, explica que ademais Viaqua se nega a aceptar un incremento salarial próximo ao que estableceu o convenio estatal de augas e depuración (dun 9% nos cinco anos de vixencia), limitándose a ofrecer unha suba dun 4% en catro anos.
Xunto a isto, a parte social reclama que o novo convenio recolla melloras na realización de gardas e reténs, un aumento dos pluses de penosos e tóxicos para o persoal que traballa nas plantas e un recoñecemento para o persoal técnico e administrativo que tivo que teletraballar durante a pandemia “e padeceu unha sobrecarga de traballo que continúa na actualidade”.
O calendario de mobilizacións, que comezou o pasado martes día 4 en Pontevedra, continuará este martes día 11 en Santiago tras pasar por Fene o pasado xoves día 6. Ademais, a representación sindical baralla convocar folga no mes de xuño se a empresa mantén a súa postura inmobilista.