"Ou hai un cambio radical na postura patronal sobre o convenio do metal pontevedrés ou o sector está chamado ao conflito
“Ou hai un cambio radical na postura da patronal a respecto do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra ou o sector está chamado ao conflito”. Así de contundente se amosou hoxe o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, ao remate da mobilización convocada pola central sindical diante da empresa do presidente de Asime en Valga para reclamar un acordo que dignifique as condicións laborais.
Precisamente para analizar a última proposta achegada polo empresariado na mesa de negociación, que a CIG considera un “desprezo e unha provocación” ao persoal do sector, a central sindical celebrará asembleas abertas a todos/as os traballadores/as este venres 26 en Vigo (praza da Estrela), Pontevedra (local da CIG), Vilagarcía (explanada do Auditorio municipal) e Lalín (carballeira de Rodo) a partir das 19:30 horas.
Neses encontros abordarase tamén a posibilidade de intensificar as accións de protesta “para forzar a patronal a mudar o fondo e a forma” das negociacións. “O fondo porque presenta un convenio inasumíbel, con suba salarial irrisoria e con recorte de dereitos, e a forma porque utiliza a mesa para adiar o acordo e deste xeito seguir cos soldos conxelados e sen aplicar melloras”, sinala Bouzas.
Esta actitude levou a CIG-Industria a iniciar un calendario de mobilizacións que se iniciou o pasado 11 de maio en Vigo cunha asemblea de delegados/as e traballadores/as do sector e cunha manifestación posterior polas rúas da cidade que rematou na sede das patronais ATRA e Instalectra, e que esta mañá continuou en Valga diante das instalacións de Urovesa, compañía do presidente da patronal Asime.
Dende a central sindical explican que na última xuntanza da mesa de negociación o empresariado achegou unha proposta de suba salarial “insultante” dun 4,5 total nos tres anos de duración do convenio (0,5% en 2023, 2% en 2024 e 2% en 2025), ademais de pretender introducir unha serie de recortes nos dereitos conquistados polos traballadores/as do sector ao longo de anos de loita.
Entre outras cousas, queren eliminar a limitación dos contratos por ETT, ampliar de 6 a 12 meses os contratos de duración determinada por circunstancias da produción, regular os contratos fixos descontinuos e establecer a remuneración dos contratos de formación en prácticas no que marca o Estatuto dos traballadores/as. E tamén limitar as vacacións en determinados meses do ano, suprimir os tres días de licenza por nacemento ou adopción, eliminar o plus por distancia superior a 200 quilómetros, conxelar o valor do quilómetro no caso de desprazamentos ou que o incremento salarial non se lle aplique á categoría 1.
Principais propostas da CIG
A CIG considera que estas propostas son unha “burla” que confirma que a falta de traballadores/as no sector á que alude periodicamente a patronal ten que ver con que “o que queren son escravos/as”. Por iso a central sindical non está disposta a permitir ningún tipo de perda de dereitos adquiridos en negociacións anteriores e a incluír a reforma laboral no convenio no que ten que ver coa contratación (contratos fixos descontinuos).
E as súas principais reivindicacións pasan por unha actualización salarial conforme ao IPC, por reducir a xornada de traballo anual e por garantir a subrogación do persoal das empresas privadas. “Nós apostamos pola estabilidade laboral fronte á precariedade, por iso rexeitamos as ETT os centros especiais de emprego e as empresas multiservizos no sector: pola democratización no mundo do traballo contra o ordeno e mando; e pola conciliación a a igualdade fronte á explotación e a discriminación”, sinalou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas.