Óscar García, reelixido secretario da Unión Local da CIG das Pontes
Dentro do proceso de renovación de órganos, a VIII Asemblea da Unión Local da CIG das Pontes celebrada este mércores reelixiu a Óscar García Maseda como secretario. No proceso, tamén se escolleron as persoas que forman a nova Executiva local e aprobouse o informe de xestión, no que se fai un repaso pola acción sindical desenvolvida nos últimos anos e se avanzan as liñas de traballo para o vindeiro período.
A VIII Asemblea da UL contou coas intervencións do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e do secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal.
Composición da nova Executiva local
- Óscar García Maseda
- Rocío Trastoy García
- Óscar Carballo Ledo
- Laura Estefanía Fernández Tojeiro
- Hixinio Adega Ardao
- Manuela Martínez López
- Alberte Amado Tallón
No informe de Xestión sublíñase que un dos feitos máis relevantes para a localidade -polo impacto económico, laboral e social- é o anuncio de peche da central térmica e a demanda dun proceso de transición enerxética xusta ao que vai ligado.
Pero para que esta transición xusta sexa unha realidade, indícase, cómpre "acompasar no tempo o mantemento do emprego actual e a creación de proxectos que garantan o emprego futuro", sendo elemento principal e diferencial que se garanta o concurso público para a concesión de capacidade de acceso aos 1.400 MW asignados actualmente á térmica. Porque fronte aos anuncios e a propaganda, o concurso "é a garantía de instalación de proxectos".
Ademais desta problemática fulcral para As Pontes, no informe tamén se abordan os conflitos laborais vividos en empresas como Intasa, Einsa Print, Arteixo Telecom ou Valoriza, as mobilizacións polo convenio colectivo de Endesa, o convenio provincial do metal e a loita das traballadoras do SAF, as mobilizacións e as folgas de mulleres no 8 Marzo, as mobilizacións en defensa dunhas pensións dignas, contra a reforma laboral ou en demanda de políticas e medidas para unha saída xusta da crise.
No relativo á representatividade, hai que salientar que neste último mandato a CIG consolidouse como primeira forza na Unión Local (As Pontes, Somozas, Mañón e Cerdido) e é a forza maioritaria no concello das Pontes con 51 delegados e delegadas, supondo un 53,13 % dos/as representantes escollidos/as.