Óscar García Maseda, elixido novo secretario da Unión Local da CIG das Pontes
A VI Asemblea da Unión Local da CIG das Pontes elixía esta tarde como novo secretario a Óscar García Maseda, nun proceso no que tamén se renovou a Executiva local. Para ambos organismos presentouse unha única candidatura, encabeza por García Maseda, que obtiveron 24 votos a favor e unha abstención.
Deste xeito, a nova Executiva da Unión Local da CIG das Pontes queda conformada polas seguintes persoas:
1. Óscar García Maseda
2. Ana María Guerreiro Blanco
3. Xosé Manuel Meizoso Vilasuso
4. Iria Bellas Trasancos
5. Antonio Teruel Fresco
6. Sonia Feal Cendán
7. Alberte Amado Tallón
Chamamento á folga xeral
Na súa intervención xa como novo secretario da Unión Local, Óscar García salientou as "gañas de traballar" a prol dos dereitos da clase obreira, coas que a nova Executiva afronta o próximo mandato, nun contexto marcado pola precarización, a explotación e a pobreza laboral xeradas polas reformas e recortes impostos ao longo destas últimos anos.
Unha realidade á que "As Pontes non é allea", denunciou García Maseda, quen chamou a atención sobre a "situación de emerxencia laboral, social e produtiva" que padece a bisbarra. Denunciou a falta de chan industrial, a ausencia dun plan industrial que garanta a instalación de novos proxectos ou dun plan de emprego que garanta a inserción e adaptación ao mundo do traballo, "que fan que o futuro do noso pobo se afronte con grande incerteza".
"Pero dende a CIG non imos mirar para outro lado, como fan outros sindicatos, seguimos traballando para recuperar os dereitos que nos roubaron e para que a nosa mocidade non teña que emigrar", aseverou. E é por iso, engadiu García, "que convocamos folga xeral para o vindeiro 19 de xuño, para esixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva; para lograr avances reais para as mulleres; para defender as pensións públicas; os servizos públicos; contra os abusos da patronal; contra o retroceso nos dereitos e liberdades públicas, etc".
Neste mesma liña abundou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, quen tamén participou na VI Asemblea da Unión Local das Pontes.