Os tres obxectivos xeopolíticos que Trump pretende coa súa guerra comercial

Andrew Korybko - 08 Abr 2025

A guerra comercial global de Trump é un acontecemento de época que deixará un impacto duradeiro nas relacións internacionais, independentemente do seu resultado; con todo, é demasiado cedo para dicir con seguridade exactamente que resultará dela. O único que se pode afirmar con certeza é que Trump ten un gran plan en mente

 A decisión de Trump de impor aranceis a todo o mundo, en maior ou menor medida a modo de vinganza polas súas tarifas contra os Estados Unidos, sacudiu a economía mundial até os miolos.

 En lugar de restabelecer o comercio libre, que é xusto o que di querer —algo que daría vantaxe ás empresas estadounidenses—, podería acelerar inadvertidamente as tendencias de rexionalización e a conseguinte división do mundo nun conxunto de bloques comerciais. Con todo, mesmo nese escenario, podería seguir avanzando nos tres obxectivos non declarados que son os propósitos desta política.

 O primeiro é reforzar a soberanía da cadea de fornecemento estadounidense para eliminar a influencia que outros países teñen sobre ela. Isto podería non perseguirse unicamente porque si, senón tamén como plan de continxencia, insinuando a preocupación por unha guerra de gran magnitude.

 Os dous adversarios máis probábeis son China e Irán, e un conflito quente con calquera dos dous sumiría a economía mundial no caos. Por tanto, é posíbel que Trump queira dar prioridade á deslocalización para que os Estados Unidos minimicen preventivamente as consecuencias.

 O segundo obxectivo baséase no primeiro e consiste en que os Estados Unidos inciten a todos os países a renegociaren os seus lazos bilaterais, ante o cal poderían ofrecer a redución dos aranceis a cambio de certas concesións.

 Estas poderían significar distanciarse en certa medida de China e substituíla gradualmente polos Estados Unidos como principal socio comercial. Tamén se poderían ofrecer outros incentivos, como compartir tecnoloxía e acordos militares. O obxectivo sería debilitar China reducindo o seu comercio exterior.

 E, por último, dar forma á orde mundial emerxente, para o que os Estados Unidos terían que acelerar a fin do obxectivo actual sacudindo a economía mundial até os miolos, como acaba de facer Trump.

 Lograr a soberanía da cadea de fornecemento e substituír a China como o principal socio comercial para tantos países aumentaría, teoricamente, a influencia dos Estados Unidos sobre unha parte considerábel do mundo.

 Aínda que é prematuro especular sobre as formas en que podería explotar isto, é case seguro que está no contexto da súa rivalidade sistémica con China.

 Mesmo se a guerra comercial global de Trump impulsase involuntariamente as tendencias de rexionalización e a posterior división do mundo nun conxunto de bloques comerciais en lugar de se converter no xogo de poder sen precedentes que el espera, os Estados Unidos aínda poderían aproveitar isto para implementar a súa política de «Fortaleza Estados Unidos», referida a que o país restaure a súa hexemonía unipolar sobre o hemisferio occidental, o que o convertería nun país estratexicamente autárquico se recibe acceso preferente aos recursos e mercados destes países.

 Nese caso, os Estados Unidos sobrevivirían e, mesmo, poderían prosperar, aínda e cando se visen expulsados do hemisferio oriental ao perder a gran guerra que podería estar a planear, ou se as consecuencias desta fixesen que esa parte do mundo fose demasiado disfuncional para que os EUA a xestionasen.

 Isto podería levar a que os Estados Unidos volvesen ao seu illacionismo dos anos 1920. Para que quede claro, é pouco probábel que o hegemón abandone voluntariamente o hemisferio oriental, pero aínda así tería sentido planificar esa posibilidade por se as circunstancias os obrigan a facelo.

 En definitiva, a guerra comercial global de Trump é un acontecemento de época que deixará un impacto duradeiro nas relacións internacionais, independentemente do seu resultado; con todo, é demasiado cedo para dicir con seguridade exactamente que resultará dela.

 O único que se pode afirmar con certeza é que Trump ten un gran plan en mente, aínda que ao final non consiga ningún dos seus obxectivos —sendo os tres máis probábeis os que se tocaron nesta análise—. En calquera caso, a vella era da globalización terminou, pero queda por ver que a substituirá e cando.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 5 de abril de 2025]