Os tres apartheids da nosa época (diñeiro, medicina, alimentos)

Vijay Prashad - 19 Feb 2021

A OIT calcula que a perda total de ingresos laborais foi de arredor do 10,7 % durante os tres primeiros trimestres do 2020. Isto significa que a clase traballadora nos Estados capitalistas perdeu a súa capacidade para pagar para satisfacer as dúas preocupacións (a fame e a roupa) e as tres garantías que necesitan (educación, atención sanitaria e vivenda), as cales adoitan estar privatizadas

 Durante os primeiros meses despois de que a Organización Mundial da Saúde anunciase a pandemia do coronavirus, a novelista india Arundhati Roy escribiu sobre a súa esperanza de que a pandemia fose “unha porta, un pasadizo dun mundo a outro”. Esperaba, noutras palabras, que o mundo recoñecese os seus graves problemas, exacerbados pola pandemia, e que houbese unha apertura cara á reorganización das estruturas sociais. Nada diso é posíbel a menos que transformemos o carácter de clase dos Estados da maior parte do mundo.

 O simple recoñecemento do problema non producirá ningunha epifanía en lugares como os Estados Unidos, Europa, ou os grandes Estados en desenvolvemento como Brasil e a India. De feito, a evidencia durante o último ano indicou o contrario: as clases dominantes elixen usar o diñeiro público para rescatar o sistema capitalista -que está sumido na crise e é antipopular-, en lugar de transformar o sistema para poñer os intereses da maioría antes que os beneficios da minoría.

 Un informe recente de Oxfam sinala que “a fortuna dos 10 homes máis ricos do mundo aumentou en medio billón de dólares, unha cifra que financiaría sen problema unha vacina universal para a COVID-19 e que garantiría que ninguén caese na pobreza como resultado da pandemia”. No canto de usar o diñeiro para a vacina e a erradicación da pobreza, o diñeiro vaise a paraísos fiscais ilegais e a avultadas contas bancarias. O nacionalismo da vacina e o aumento da fame definen a sociedade capitalista actual.

 Entrementres, en China, o proxecto socialista erradicou a pobreza absoluta durante a pandemia. En novembro de 2020, as autoridades da provincia de Guizhou, no sudoeste de China, anunciaron que os últimos nove distritos empobrecidos lograran superar a liña de pobreza, o que significa que os 832 distritos máis pobres do país xa saíron da pobreza. En sete anos, as políticas en China permitiron que 80 millóns de persoas (practicamente toda a poboación de Alemaña) saia da pobreza. En total, arredor de 850 millóns de chineses superaron a pobreza na décadas posteriores á Revolución de 1949. Houbo tres formas de medir para esta transformación: primeiro, que cada familia chinesa estea por riba da liña de pobreza rural; segundo, que o proxecto comunista termine coas “dúas preocupacións” da fame e a roupa; terceiro, que o Estado chinés asegure as “tres garantías” de educación, atención sanitaria e vivenda. Todo isto sucedeu durante a pandemia.

 Non hai dúbida de que o proxecto socialista, desenvolvido principalmente en países empobrecidos, é moi superior ao proxecto capitalista, que se mantivo en crise malia a riqueza dos seus países. Por dar só unha cifra que ilustre a natureza desastrosa deste sistema, a Organización Internacional do Traballo (OIT) calcula que a perda total de ingresos laborais foi de arredor do 10,7 % durante os tres primeiros trimestres do 2020, o que representa 3,5 billóns de dólares en ingresos laborais perdidos (un 5,5 % da produción mundial en 2019). Isto significa que a clase traballadora nos Estados capitalistas perdeu a súa capacidade para pagar para satisfacer as dúas preocupacións (a fame e a roupa) e as tres garantías que necesitan (educación, atención sanitaria e vivenda), as cales adoitan estar privatizadas.

 Produto da debilidade dos Estados socialistas e do movemento socialista mundial, as vantaxes deste proxecto son denigradas nunha guerra comunicativa intensificada. Deste xeito, a súa lóxica de priorizar as persoas fronte aos beneficios non logrou impulsar unha orientación política mundial. En cambio, o momento actual está definido por tres apartheids.

Apartheid do diñeiro. A débeda externa dos países en desenvolvemento supera os 11 billóns de dólares, e calcúlase que os pagamentos do servizo da débeda cheguen a 4 billóns a finais deste ano. O último ano, sesenta e catro países gastaron máis no servizo da débeda que en atención sanitaria. Houbo un diálogo tímido sobre a suspensión do servizo da débeda, con certa axuda de diversas axencias multilaterais. Estas discusións sobre a suspensión da débeda chegan xunto á solicitude do FMI de que os países pidan máis diñeiro prestado agora que as taxas de xuros están baixas, pero no canto de dar máis empréstimos, por que non simplemente cancelar toda a débeda externa e, ao mesmo tempo, incorporar os polo menos 37 billóns de dólares que están en paraísos fiscais ilegais? A palabra que adoita utilizarse para definir a cancelación da débeda é “condonación”; con todo, non hai nada que condonar, xa que esta débeda é consecuencia dunha longa historia de roubo e saqueo colonial. Os países máis ricos poden pedir empréstimos con taxa cero de xuros, mentres o mundo en desenvolvemento só accede a taxas usureiras e ten que pagar débedas odiosas cos prezados fondos que deberían destinarse a romper a cadea de contaxio da covid-19.

Apartheid médico. O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, dixo recentemente que o mundo está moi preto dun “fracaso moral catastrófico”. Estábase referindo ao nacionalismo da vacina e ao acaparamento de vacinas que marcan ao proxecto capitalista. Os Estados do Atlántico Norte (Canadá, Estados Unidos, Reino Unido e moitos países europeos) desentendéronse do chamado desde a India até Sudáfrica para que suspendan as normas de propiedade intelectual [patentes] relativas á vacina. Estes Estados do Norte deron un financiamento insuficiente ao proxecto COVAX, o que o puxo en risco de fracaso, con expectativas cada vez maiores de que moitas persoas dos países en desenvolvemento non sexan vacinadas antes de 2024; e acapararon vacinas, como está facendo Canadá coa construción de reservas de cinco vacinas por cada canadense, con vacinas que proveñen de COVAX. Hai unha enorme diferenza entre este tipo de nacionalismo da vacina e o internacionalismo socialista despregado polo persoal médico de Cuba e China. É por iso polo que é fundamental apoiar a campaña para que se lle entregue o Premio Nobel da Paz de 2021 á Brigada Médica Internacional Henry Reeve de Cuba.

Apartheid de alimentos. A fame mundial, que diminuíra de 2005 a 2014, volveu aumentar desde esa data (isto sucedeu malia que China erradicou a fame neste período). Actualmente a fame está nos niveis que había en 2010. O informe de 2020 sobre inseguridade alimentaria da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO nas súas siglas en inglés) mostra que a cifra dos sofren fame superará os 830 millóns en 2030. Pero esta proxección é baixa. A redución da cantidade e a calidade dos alimentos dispoñíbeis para as persoas atinxiu a uns 2.000 millóns de persoas (o 26% da poboación mundial). Ese gran sector da poboación “experimentou fame” e non ha ter “acceso regular a alimentos nutritivos e suficientes en 2019”. Estes datos son de 2019, antes da pandemia. O Programa Mundial de Alimentos da ONU prevé que o número de persoas que pasan fame podería duplicarse antes de que se logre conter a pandemia.

 A medida que escala a pandemia de fame, a lóxica suxire que as políticas se axustarían para axudar a campesiños e traballadores agrícolas para que poidan producir o tipo de alimentos de boa calidade que se necesitan en tempos de pandemia. Deberían fortalecerse os réximes de subsidio para que a comida sexa accesíbel. Con todo, o FMI e outras axencias multilaterais non mostraron sinais de dar marxe aos países en desenvolvemento para que subsidien sistemas públicos de distribución de alimentos. Na India, hai moito tempo que o goberno de extrema dereita quería acabar co sistema de subsidios de apoio aos prezos, e finalmente fíxoo, provocando unha prolongada revolta campesiña, cuxo resultado ameaza con producir unha nova realidade política na India. Detrás da dura política de recortes de subsidios en lugares como a India escóndese unha gran hipocrisía, a esencia do apartheid de alimentos: Estados Unidos gastou 1,7 billóns de dólares durante os últimos vinte anos para subsidiar os seus agricultores, na súa maioría empresas, mentres a Unión Europea gasta 65.000 millóns ao ano para subsidiar os seus. O que é bo para o ganso do Atlántico Norte non é bo para o ganso do Sur Global.

 Estes son os tres apartheids que estruturan o sistema mundial fóra dos países que están comprometidos cun proxecto socialista, que mentres tanto enfrontan ameazas de ataques militares e ás tecnoloxías de guerra híbrida en curso (como a guerras da comunicación, económicas e diplomáticas). Os países do Atlántico Norte buscan unha política de confrontación no canto dunha de cooperación, impulsando unha visión de mundo construída en torno ao estigma e non á solidariedade.

 A pandemia podería ser unha porta, pero non porque as súas consecuencias automaticamente vaian abrir os ollos das elites. Están destinando o diñeiro a fortalecer bancos e asegurar que a demanda non mingüe. Esa é a súa motivación. Non van cancelar a débeda, producir unha vacina popular, nin garantir que haxa un sistema alimentario forte cos campesiños e traballadores agrícolas a cargo, non van desfacer as estruturas do apartheid por si mesmas.

 O impacto negativo da pandemia, en particular sobre os traballadores e campesiños do Sur Global, tende a profundar a deflación dos salarios, fortalecendo o poder de negociación das empresas multinacionais. A medida que aumenta a deflación dos salarios e ingresos, e que os salarios sociais diminúen, as empresas son capaces de impoñer soldos máis baixos os traballadores. Pero esta deterioración das condicións de vida que supera os límites soportábeis é enfrontado cunha resistencia feroz.

 A revolta de campesiños e traballadores agrícolas na India, a folga de traballadores da saúde en Quenia e Perú, as grandes protestas populares en Haití e Tunisia, as loitas contra o absoluto fracaso do goberno en controlar a pandemia en Brasil, as masivas manifestacións pola legalización do aborto en Arxentina: estes son os contornos dos levantamentos populares, do que G. W. F. Hegel chamou “a seriedade, o sufrimento, a paciencia e o traballo do negativo” na Fenomenoloxía do Espírito (1807). É este “traballo do negativo”, estas loitan que sosteñen as organizacións, estes movementos que están construíndo a confianza e o poder da clase traballadora e o campesiñado, o que fará posíbel impulsar e avanzar nunha axenda. Fan o camiño ao andar.

 A elite non é capaz de resolver os problemas comúns creados polas habituais crises do capitalismo, e certamente non é capaz de resolver os problemas extraordinarios que xerou a pandemia. Aí é cando entran os movementos. Impulsan un programa para crear unha porta para saír desta pandemia, certamente, pero ademais para saír da miseria do capitalismo.

 

[Artigo tirado do sitio web Tricontinental, do 11 de febreiro de 2021]