Os traballadores/as do GES da Fonsagrada continúan a demandar unha solución ao desmantelamento do servizo de emerxencias
Unha representación dos traballadores/as e da CIG foi recibida por parte dos grupos parlamentarios de AGE, BNG, Grupo Mixto e PP. “O único grupo que non se reuniu cos afectados polo momento foi o PSOE”, apunta o Secretario Comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño.
Engade Niño que todos os grupos cos que houbo reunión amosaron o seu apoio ás demandas dos/as traballadores/as e presentaron iniciativas no propio Parlamento instando a readmisión e a modificación do Convenio de colaboración entre as distintas administracións, para que sexa vinculante a todos os efectos para o Concello da Fonsagrada.
Esa mesma iniciativa foi trasladada aos Grupos Políticos da Deputación Provincial de Lugo, “polo que agardamos que tamén se posicionen e que se debata no vindeiro Pleno da Deputación”.
Dende a finalización do anterior Convenio o día 31 de decembro de 2015, os Concellos que figuran no ámbito xeográfico do GES da Fonsagrada continúan sen ter servizo de emerxencias, a pesares de ser un servizo esencial para a poboación.
A maiores, o Concello de Fonsagrada aínda non publicou as bases para realizar o novo proceso selectivo, aínda que por parte do Alcalde se afirmara que a principios de febreiro tería concluído o novo proceso.
A CIG considera responsábel desta situación o Alcalde, “que aínda non contestou as reclamacións efectuadas polos traballadores e traballadoras sobre os despedimentos, o cal evidencia a falla de sensibilidade cara o persoal afectado, pero tamén demostra a incapacidade política para convocar o novo proceso selectivo”, conclúe Niño Saavedra.