Os traballadores/as de Tecnocom amplían a folga aos días 10 e 11 de setembro
O persoal de Tecnocom reclama compensacións por traballar en festivos, incluídos os chamados festivos especiais (Nadal, Ano Novo, Reis…), xornadas de verán e demais e recuperar as quendas que foron modificadas unilateralmente pola empresa.
Lembran que desenvolven o seu traballo en quendas de 24 horas, sete días á semana e cuns salarios que oscilan entre os 700 e os 850€ e denuncian que foi a raíz da reclamación dun festivo traballado cando Tecnocom, en represalia, mudou as quendas sen posibilitar negociación algunha. Unha situación que os levou a presentar conflito colectivo.
Segundo explica Renato Núñez, representante da CIG de Compostela, explica que as xornadas de folga dos días 1, 2 e 5 afectarán aos centros de saúde e que as dos días 10 e 11 afectarán aos hospitais.
Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas na sanidade pública galega. Durante a semana mantén, en concreto, o dos centros de saúde e é outra empresa a que se encarga do mantemento dos soportes informáticos dos hospitais. Porén, durante as fins de semana o mantemento do dos hospitais pasa a Tecnocom.
A convocatoria de folga conta ademais co apoio dos comités de varias empresas TIC de Compostela como Bahía Software, Dinahosting, Contact Nova e a sección sindical da CIG de Coremain. A CIG-Saúde tamén manifestou a súa solidariedade cos traballadores e xa instou ao Sergas a presionar a Tecnocom para que sente a dialogar co seu persoal evitando así as posíbeis consecuencias tanto para usuarios/as como para as/os profesionais do sistema de saúde, que empregan as aplicacións informáticas que mantén esta empresa como o FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom.