Os traballadores e traballadoras de Einsa Print concentráronse coincidindo cunha nova reunión do período de consultas

A Corporación das Pontes trasladou o apoio ao persoal e solicitou a retirada inmediata do ERE
As Pontes - 30 Xun 2025

Este luns os traballadores e as traballadoras de Einsa Print recibiron a visita de parte da Corporación municipal das Pontes que lle quixo trasladar o apoio á súa loita en defensa dos empregos e informarlles da declaración institucional asinada por todos os grupos municipais, na que se lle solicita á empresa a retirada inmediata do novo expediente de extinción e a posta en marcha de medidas efectivas para cumprir cos compromisos acadados no anterior ERE.

O texto foi trasladado pola representación municipal á empresa e tamén se dará traslado da declaración á Consellaría de Emprego para que vele polo “correcto e xusto desenvolvemento” das negociacións, e ao MITECO para que coñeza a decisión de Einsa Print e actúe en consecuencia.

O texto da declaración foi dado a coñecer durante a concentración que o persoal estaba realizando ás portas das instalacións de Einsa, coincidindo cunha nova reunión do período de consultas no que a CIG volveu reiterar o carácter “fraudulento” do ERE e a falta de causas obxectivas.

A CIG-Industria sinalou que a empresa sigue sen explicar cales son as causas sobrevidas que difiren do anterior ERE e  criticou que nada se fixo en quince meses para reverter a situación da fábrica alén de despedir persoal e desmantelar as naves e de deixar marchar carga de traballo a Alemaña e Italia malia teren custes de produción superiores.

De feito, na reunión de hoxe a empresa confirmou que considera inviábel a continuidade da actividade de artes gráficas e que van  tentar alugar as naves a novos proxectos empresariais. Pero sen ningunha garantía de que o persoal despedido se poida incorporar neses supostos novos proxectos.

Durante a xuntanza a empresa tamén informou “que pretende acometer 102 despedimentos, 87 ao remate do ERE e 26 non máis alo de finais de marzo de 2026”. Cómpre salientar que destas 26 persoas que van quedar, “unicamente seis son de man de obra e as 15 restantes son persoal de estrutura e alta dirección”.

A CIG  insistiu en que non existen esas causas sobrevidas que esgrime a empresa, “que non é mais que a continuación do ERE anterior ao que catalogaron eufemisticamente como “ERE por causas organizativas, produtivas e con alto impacto económico” a sabendas de que non poderían repetir un ERE polas mesmas causas como están a facer, só que desta vez sen eufemismos, xa que pretenden xustificar un ERE por causas organizativas, produtivas e económicas”.