Os traballadores e traballadoras de Circet en Galiza continúan en loita contra o ERE

A CIG-Industria advirte que impugnará o expediente se a empresa insiste en aplicar os despedimentos
Nacional - 12 Dec 2024

Os traballadores e traballadoras de Circet en Galiza continúan co calendario de folgas e mobilizacións en rexeitamento ao ERE de extinción que a empresa pretende aplicar a pesar de que non existen causas económicas, organizativas ou produtivas que o xustifiquen. O persoal mantense firme na defensa de todos os postos de traballo e así se evidenciou co rexeitamento masivo das asembleas á derradeira proposta de ERE achegada pola empresa.

Á espera dos pasos que dea nos próximos días a compañía, a CIG-Industria segue a reclamar a retirada completa deste expediente,  garantías de mantemento de todos os empregos así como das condicións de traballo, xa que, como se fixo patente durante o período de consultas, o único obxectivo de Circet é avanzar na precarización e afondar na subcontratación da actividade.

A federación de Industria explica que Circet (concesionaria do servizo de Movistar Telefónica) pretendía rematar o período de consultas con acordo para así evitar a impugnación xudicial do ERE. Con tal finalidade, na reunión da pasada semana rebaixou o número de despedimentos (en Galiza de 118 a 81 persoas) e subiu un mínimo as indemnizacións "pero condicionando o mantemento da súa proposta final a que todos os sindicatos lla asinasen".

Pero a CIG, subliñan, "non vai asinar ningunha medida que supoña destruír emprego e se Circet leva adiante o ERE, impugnarémolo na vía xudicial". Por iso, tamén fan un chamado á autoridade laboral para que á hora de elaborar o informe do expediente "revise con lupa a documentación achegada pola empresa". E neste sentido, critican que na última reforma laboral, o Goberno autodenominado 'máis progresista' non recuperase a autorización administrativa previa nos despedimentos colectivos que foi suprimida polo Goberno de Rajoy na reforma de 2012.

A CIG-Industria tamén apunta á responsabilidade das grandes operadoras de comunicacións, con Telefónica á cabeza, que levan anos practicando unha política de adelgazamento dos cadros de persoal propios e fomento da externalización do traballo en contratas que á súa vez subcontratan a actividade en pequenas empresas e persoal autónomo. O obxectivo é desregularizar as condicións laborais, que se traballe sen control horario, sen cobrar as horas extras, con sistemas de produtividade imposíbeis de cumprir, e sen ningún tipo de garantía na prevención de riscos laborais.

Precisamente, contra este modelo de explotación, os traballadores e as traballadoras das contratas de telecomunicacións levaron adiante unha dura loita no ano 2015 en defensa dunhas condicións laborais dignas e para que se respectaran os seus dereitos.

Así as cousas, para os días 17 e 19 de decembro hai convocados xa  novos paros de 24 horas, que incluirán tamén distintas protestas.