Os traballadores de Veolia reivindican cunha cazolada a readmisión do compañeiro e condicións laborais dignas
Os traballadores de Veolia cumpren este venres cinco días en folga indefinida dando unha lección de dignidade e de solidariedade co seu compañeiro despedido, realizando concentracións diarias durante toda a xornada laboral diante da sede de Inditex e soportando as inclemencias climáticas e os atrancos que tanto a empresa como a multinacional téxtil queren pórlle á súa loita.
Este venres, ademais, para visibilizar e facer oír as súas demandas, fixeron unha sonora cazolada diante da sede de Inditex coincidindo coa quenda de saída, entre ás 14 e ás 15:30 horas, ao berro de "Veolia despide, Inditex consinte". Na protesta tamén participaron compañeiros e compañeiras doutras contratas que lle quixeron trasladar deste xeito a súa solidariedade e apoio, e ao tempo amosar o rexeitamento á precarización das condicións laborais e salariais nas contratas de Inditex.
Na protesta volveuse denunciar que o despedimento do traballador de Veolia (que facía servizo de mantemento dos grupos electróxenos de Inditex) non ten xustificación, e constitúe unha manobra argallada entre a multinacional e a súa auxiliar para evitar que os traballadores/as consoliden dereitos e reivindiquen melloras laborais e salariais.
Neste senso, cómpre subliñar que o compañeiro despedido levaba doce anos traballando no mesmo servizo e conta cunha solvencia probada, tal e como evidencia o feito de que as tarefas que antes facía el só agora estanas realizando dous operarios da nova subcontrata, "que aínda así non dan feito, porque non saben".
Nesta actuación empresarial non hai que perder de vista que o despedimento se produce candos os traballadores están reiniciando a negociación para conseguir o plus que outras contratas xa teñen, e están pelexando para garantir por escrito o dereito á subrogación. Ademais, ao pasar de 30 empregados, nas próximas eleccións sindicais corresponderíalle elixir tres delegados de persoal en vez de un, como teñen actualmente. E precisamente entre os compañeiros comezárase a falar de Rubén como posíbel representante do persoal.
Así as cousas, a folga continuará coa mesma forza e intensidade a vindeira semana, á espera do que pase na reunión prevista coa empresa para o mércores 19 de maio.