Os traballadores de Veolia proseguen firmes coa folga para esixir a readmisión do compañeiro despedido
Os traballadores de Veolia continúan a folga indefinida iniciada o pasado 10 de maio para esixir a readmisión do compañeiro despedido e reclamar unhas condicións laborais xustas nesta contrata de Inditex. O persoal está dando unha lección de dignidade e capacidade de loita, realizando concentracións diarias durante toda a xornada laboral diante da sede de Inditex e resistindo os intentos de boicotear a folga e de invisibilizar as súas protestas.
Este venres, realizouse unha concentración de 14 horas a 15:30 horas diante da sede de Inditex (no Polígono de Sabón, Arteixo) na que tamén participaron de maneira solidaria compañeiros e compañeiras doutras contratas que quixeron manifestar así o seu rexeitamento á precarización das condicións laborais e salariais que Inditex está pretendendo impor nas súas contratas, aproveitándose da situación de emerxencia sanitaria.
Veolia négase á readmisión
A folga rexistra un seguimento do 100% e malia isto, na reunión celebrada o pasado mércores, Veolia negouse en redondo a valorar a readmisión do traballador -incluso a súa recolocación noutros servizos da empresa-, querendo limitar o conflito á negociación do plus que xa ten recoñecido o persoal doutras auxiliares de Inditex, así como a garantía do dereito á subrogación. Dúas melloras que o persoal leva anos reivindicando. Pero a resposta unánime dos traballadores foi clara: "non imos entrar a negociar nada mentres non se efectivice a readmisión de Rubén".
Nesa xuntanza, apunta a CIG-Industria, Veolia non só non quixo buscar unha saída á folga, senón que deixou entrever o que o persoal xa sabía: que o despedimento non o decidiu a empresa, senón que é unha orde de Inditex. Para a CIG-Industria esta medida ten un carácter exemplarizante e haina que enmarcar tamén no feito de que, ao pasar de 30 empregados, nas próximas eleccións sindicais corresponderíalle elixir tres delegados de persoal en vez de un, como teñen actualmente. E precisamente entre os compañeiros comezárase a falar de Rubén como posíbel representante do persoal.
Unha loita contra a precarización
Que o despedimento carece de xustificación evidénciase en que, neste momento, o traballo que realizaba Rubén estano desenvolvendo dúas persoas dunha empresa externa, que aínda así non dan feito. Por iso, os traballadores continuarán adiante coa súa loita para esixir a readmisión do compañeiro despedido (que pasou doce anos prestando o mesmo servizo en Inditex), que tamén é a loita contra a precarización laboral e para esixir condicións de traballo dignas.