Os traballadores de Tecman-Rayma intensifican as protestas na porta de Navantia
Os traballadores da UTE Tecman-Rayma levaron as súas reivindicacións a primeira hora desta mañá até ás portas de acceso ao estaleiro de Ferrol, onde desenvolveron unha acción de protesta para esixir a implicación de Navantia no conflito, a readmisión dos compañeiros despedidos e que se respecten os dereitos adquiridos, nomeadamente a subrogación recoñecida no convenio colectivo do metal.
A acción de protesta fíxose entre ás 5:45 e ás 6:50 horas, coincidindo coa quenda de entrada e consistiu no cruzamento dos pasos de peón situados nas inmediacións do estaleiro co obxectivo de visibilizar a existencia do conflito na contrata de mantemento entre o resto do persoal das auxiliares e da propia Navantia. A acción provocou importantes retencións na circulación do tráfico e longas colas de vehículos.
Ademais, este xoves houbo reunión da comisión permanente do comité de Navantia coa dirección para demandar que interveña no conflito como titular do contrato, como responsábel de velar polo cumprimento dos dereitos dos seus traballadores/as, polo mantemento do emprego e porque a folga na UTE ten repercusións directas sobre a actividade produtiva do estaleiro.
Neste senso, a CIG-Industria considera inaudito que a dirección de Navantia lle consinta á xerencia da UTE facer o que lle dá a gana, máis despois do acontecido na mediación do pasado luns, onde a empresa deixou claro que non ten intención de respectar o dereito á subrogación, mesmo chegando a manifestar en repetidas ocasións que no momento en que Navantia pida resolver o conflito readmitirán o persoal, e acto seguido comunicarán a súa vontade de non continuar co contrato, pactando con Navantia unha prórroga.
Diante destes feitos, o persoal intensificou hoxe as súas protestas e de non producírense avances por parte da UTE e de Navantia non descartan incrementar as medidas de presión co estaleiro como centro das mobilizacións.