![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
Os traballadores de mantemento de Navantia continúan coa folga en defensa do seus dereitos
![](assets/images/8/21-01-27_PiquetelicontratomantementoNavantia_1-6f9b73a8.jpg)
Os traballadores da UTE Tecman-Rayma, que se encarga do servizo de mantemento das instalacións de Navantia na ría de Ferrol, están toda esta semana secundando folga e mobilizándose para esixir a paralización da licitación do contrato e que se elaboren uns novos pregos de condicións respectuosos cos seus dereitos, nomeadamente o dereito á subrogación recollido no convenio provincial do metal.
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2021/01/27/21-01-27_PiquetelicontratomantementoNavantia_2.jpg)
Dende ás 5:30h, coincidindo coa entrada da quenda de mañá, o persoal mantivo un piquete informativo nas portas de acceso ao estaleiro de Ferrol que provocou longas colas de vehículos até pasadas ás oito da mañá, para reclamarlle a Navantia que asuma a súa responsabilidade, escoite as demandas sociais e recúe nunha decisión tan lesiva para os dereitos deste persoal.
Os traballadores da UTE entenden que a decisión da empresa naval de fraccionar o contrato e limitar o número de paquetes aos que pode acceder un mesmo licitador non ten outro obxectivo máis que eliminar un comité e desfacer un cadro de persoal caracterizado pola súa combatividade e capacidade de resposta, pois, de manterse as condicións actuais, os 56 traballadores con dereito a subrogación non poderán permanecer na actual UTE nin pasar en bloque a outra compañía.
Non cómpre esquecer que os/as traballadores da UTE secundaron a folga e as mobilizacións para que os acordos da industria auxiliar foran incluídos no articulado do convenio do metal e que mantiveron unha folga durante tres semanas para impedir o despedimento de nove compañeiros. "E isto a Navantia non lle gusta", alerta a CIG-Industria de Ferrol, "porque enfronta o abuso patronal que a propia Navantia fomenta co excesiva externalización e subcontratación de servizos".