O persoal de Hércules de Armamento pide solucións e que se conte co comité para abordar o futuro da fábrica
Traballadores e traballadoras de Hércules de Armamento concentráronse este martes diante da Delegación do Goberno na Coruña, para demandar solucións ao Goberno español, á Xunta de Galiza e á dirección da empresa para a posta en marcha dun plan industrial que garanta os postos de traballo, o pago dos salarios e o mantemento da actividade produtiva na fábrica de armas. Ademais, coa protesta, o persoal quería transmitir o seu malestar pola actitude "partidista e sectaria" da administración estatal que excluíu o actual comité da reunión prevista este mércores no Ministerio de Defensa para tratar o futuro das instalacións.
A representación social remitiu a pasada semana escrito ao secretario de Estado de Defensa para trasladarlle o malestar que existe entre os traballadores das instalacións pola súa exclusión da reunión que terá lugar este 16 de xaneiro en Madrid para tratar o futuro da concesión da fábrica de armas da Coruña. Lembran que na fábrica hai nestes momentos un cadro de persoal composto por 62 traballadores/as, con contrato en vigor, e un comité de empresa legalmente constituído (6 representantes da CIG e 3 de CCOO), "pero que o Ministerio de Defensa ignora de maneira permanente".
O presidente do comité, Xabier Rioboo, denunciou que o persoal nin sequera foi informado da convocatoria desa xuntanza, "da que tivemos coñecemento a través dos medios de comunicación", e á que, segundo esas mesmas novas, están convidadas distintas administracións galegas, a Delegación do Goberno e "antigos traballadores" da anterior concesionaria, General Dynamics. "Non entendemos por que se convoca a antigo persoal que non ten vinculación ningunha co actual cadro de traballadores/as para falar de posíbeis alternativas de futuro para as instalacións e pola contra non se ten en conta á representación legalmente elixida", criticou.
Rioboo subliñou que esta situación non é nova, xa que tanto a Secretaría de Estado de Defensa como a Delegación do Goberno recibiron noutras ocasións a esa representación de "antigos traballadores/as (con vinculación a UGT), mais non atenderon as solicitudes de reunión cursadas polo actual comité. De feito, criticou, o pasado 3 de setembro o delegado do Goberno cancelou unha xuntanza concertada para o día seguinte, "ao tempo que celebrara unha xuntanza co colectivo de antigos traballadores de General Dinamycs".
Para o comité de Hércules de Armamento estamos ante unha clara actuación partidista, polo que esixen do Ministerio de Defensa que convoque a representación legal dos actuais traballadores/as da fábrica a todas cantas reunións afecten ao futuro da concesión da fábrica de armas da Coruña.
Especialmente, sinalou Rioboo tendo en conta que os impagos de salarios continúan, que están denunciados no xulgado e que xa hai sentenza que recoñecen as débedas, que neste caso deberá abonar o Fogasa.