Os traballadores da liña Santiago aeroporto concéntranse para reclamar a súa inmediata subrogación
Os traballadores despedidos o pasado 23 de decembro da liña de autobuses Santiago-aeroporto concentráronse esta mañá na praza do Obradoiro, diante do Pazo de Raxoi, para demandar do goberno municipal e, nomeadamente, da concelleira de Mobilidade, que se dean todos os pasos necesarios para que se proceda á subrogación inmediata de todo o persoal.
O pleno municipal aprobou onte mesmo, por unanimidade, unha moción pola que o concello se compromete a adoptar todas as medidas necesarias e a mediar para que TRALUSA non recorra as sentenzas e proceda á inmediata subrogación do persoal. Porén, os traballadores afectados piden actuacións “concretas e verificables” e que se vaia informando dos pasos que se dan de cara a facer efectiva a súa reincorporación.
Segundo explica o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Nacho Pavón, o concello comprometérase a mediar para solucionar o conflito pero “nada soubemos das xestións feitas, ou se se chegaran a facer, nin sequera se se puxeran en contacto coa empresa”.
Por iso, agora que están saíndo as sentenzas que obrigan á empresa a subrogación, non queren que volva ocorrer o mesmo e demandan un compromiso en firme para que se efectivicen as subrogacións sen agardar a que saian publicadas todas as sentenzas e que TRALUSA non as recorra dilatando máis no tempo un conflito que non se debería ter producido.