O persoal do albergue municipal vigués demanda a Cruz Roja por modificar as súas condicións de traballo
Os traballadores/as do albergue municipal de Vigo veñen de presentar unha demanda xudicial colectiva contra Cruz Roja Española despois de que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, lles comunicase a súa intención de modificar substancialmente as condicións de traballo e de non aplicar o convenio colectivo que regula o sector.
Segundo explica a delegada de persoal do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES), da CIG, os problemas laborais comezaron pouco despois de que Cruz Roja resultase adxudicataria da súa xestión o pasado 11 de novembro por un importe cercano aos 3,7 millóns de euros. Esta ONG encárgase do servizo a través das súas asembleas Comarcal e Provincial, cuxas máximas responsábeis na provincia de Pontevedra son Teresa Álvarez Quincler en calidade de presidenta; María Xesús Fernández Cortegoso, como secretaria; e Pilar Méndez Méndez, que é coordinadora.
A representante dos traballadores/as sinala que Cruz Roja, dende a súa entrada no CIIES -situado na rúa Marqués de Valterra e máis coñecido na cidade como albergue municipal- o pasado 1 de decembro, mantén un pulso cos empregados/as despois de que solicitasen por escrito a información necesaria para aclarar as condicións de subrogación do actual cadro de persoal. “Ao contrario do que agardabamos, e tras un período de silencio, a ONG responde convocando aos traballadores/as a acudir á súa sede comarcal de Vigo para presentarlles un documento cuxa forma non se axusta á legalidade e que ratifica o non cumprimento das condicións de subrogación”.
Demanda xudicial colectiva
Diante disto o cadro de persoal, integrado por máis de 20 persoas, decide presentar unha demanda xudicial colectiva por modificación substancial das condicións de traballo, que inclúe a negativa a aplicar o convenio colectivo que regula o sector, “do que Cruz Roja é asinante como membro da Asociación Estatal de Organizaciones y Acción e Intervención Social (OIES)”.
Ao mesmo tempo, o conxunto dos traballadores/as do albergue municipal quere deixar moi claro que “a pesar da presión exercida polo xigante do terceiro sector” sobre un cadro de persoal que forma parte dun servizo “especialmente sensíbel” e que atende “os casos máis extremos de vulnerabilidade” que se producen na cidade, “os empregados/as reiteran o seu compromiso co centro e con todas as persoas que acuden a el”.
Finalmente, anuncian a súa intención de adoptar todas as medidas que, dentro da lei, consideran oportunas para protexer os dereitos adquiridos polos empregados/as ante os “abusos” da coñecida ONG.