Os traballadores/as de Vitrasa volven á rúa en demanda dun convenio colectivo digno
Un grupo de traballadores/as e de delegados/as do comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, desenvolveu hoxe unha concentración a primeira hora da mañá diante das instalacións da empresa, na estrada de Camposancos, ante a parálise das negociacións para renovar o convenio colectivo, que leva caducado dende hai case catro anos anos.
Dende a representación sindical lembran que hai xa sete meses que finalizaron as mobilizacións -que se prolongaron durante 108 días- tras o acordo no AGA co obxecto de retomar unha negociación que permitise desbloquear un conflito que se remonta a xaneiro de 2021. Para poder negociar Vitrasa aludía á necesidade de recuperar viaxeiros/as e cobrar o reequilibrio polas perdas derivadas da pandemia.
“A día de hoxe estas premisas cumpríronse: os viaxeiros/as xa son os mesmos ou máis que antes da pandemia, cun gasto menor para a empresa, xa que hai bastantes menos expedicións (250 viaxes diarias menos e moitos menos quilómetros de percorrido) e un prezo do billete un 16% máis caro”, sinalan.
Vitrasa recibiu ademais un total 18 millóns de euros de compensación, mais continúa negándose a chegar a acordos co persoal por eses anos pasados. A oferta da empresa unicamente fai referencia ao período 2024-2027, deixando 2021, 2022 e 2023 cunha perda de poder adquisitivo significativa para os traballadores/as e sen melloras a nivel social.
Un total de 35 xuntanzas
Tampouco se contemplan novos tempos de percorrido, “insuficientes actualmente e que dan lugar a unha rede de transporte que incumpre a puntualidade e non permite realizar uns descansos eficaces ao persoal; non se mellora o calendario de vacacións; e continuamos cunha xornada máxima diaria excesiva, entre outras cousas”.
Despois de 35 reunións de negociación, que comezaron en decembro de 2020, e nas que o comité achegou diferentes propostas para tratar de achegar posturas que puxesen fin a este longo conflito, na última xuntanza do día 1 de outubro Vitrasa comunicou que non podía mellorar a súa última oferta, polo que non propuxo nova data para continuar as conversas.
“Chegados a este punto, tras 18 días sen negociación e ante a pasividade da empresa, vémonos obrigados/as a retomar as mobilizacións”. Ademais, o comité solicitou o pasado 8 de outubro unha reunión co Concello de Vigo para consultar os detalles do reequilibrio e poñelos ao corrente da situación actual, petición da que aínda non teñen resposta.
“Entendemos que as mobilizacións van supoñer novamente un trastorno para a cidadanía, pero é a única maneira posíbel de reivindicar os nosos dereitos laborais”, rematan.