O persoal de Poligal leva as súas protestas até a Delegación do Goberno
Os traballadores e traballadoras de Poligal levaron este mércores as súas protestas até a Delegación do Goberno na Coruña para trasladar o seu malestar polo desinterese do Ministerio de Industria na procura dunha saída de futuro para a fábrica de Narón. O comité mantivo un encontro co delegado do Goberno no que lle afeou que dende a reunión do pasado 27 de marzo en Madrid, o Ministerio non volvera pórse en contacto coa representación social para informar do resultado das xestións ás que se comprometera, entre elas, abrir conversas co Grupo Peralada (propietario de Poligal) para tentar paralizar o ERE, algo que claramente non conseguiron.
"Estamos esperando por unhas respostas que non nos deron", valoraba á saída do encontro Bernardo Cabezal, representante da CIG no comité, quen indicou que o Delegado do Goberno en Galiza se comprometeu a contactar co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, para coñecer que xestións está a realizar o seu departamento neste conflito. A este respecto, Cabezal criticou a pasividade do Ministerio, cando están en xogo máis de cen empregos, e instou a Industria a traballar conxuntamente coa Xunta na procura de inversores que garantan a continuidade das instalacións e os postos de traballo.
Lentitude da mesa técnica
Precisamente, o delegado da CIG lamentou tamén a lentitude coa que avanza o traballo na mesa técnica creada no IGAPE, máis tendo en conta que xa hai un ERE en negociación. Entende que este tiña que ser un proceso moito máis áxil, "porque canto máis se atrase, máis complicado será atopar unha saída". Por iso, fixo un chamado á Xunta para redobrar esforzos e dar pasos decisivos "para que o interese amosado polos inversores (até o momento hai dúas compañías interesadas na planta) se transforme nunha alternativa real e viábel de futuro".
O representante do persoal reiterou que a fábrica de Narón é viábel, pero Poligal está apostando polas outras plantas que ten en Portugal e Polonia, nas que fixo investimentos millonarios nos últimos anos, mentres deslocalizaba a produción e incumpría o compromiso de investir cinco millóns de euros as instalacións galegas. Nesta liña, denunciou a maraña empresarial creada polo Grupo Peralada, a través da que descapitaliza Poligal Narón para xustificar o peche e levar a produción fóra.
A representación social segue demandando a retirada do ERE
No relativo ás negociacións do ERE, Cabezal explicou que a representación social ten presentado un requirimento no xulgado do mercantil de Barcelona que leva o caso, solicitando que se reitere o expediente mentres non exista un informe do administrador que xustifique o peche da fábrica, tendo en conta que o xuíz aceptou o concurso pero non así a proposta de liquidación formulada pola empresa.
Cabezal insistiu en que as perdas alegadas por Poligal non son motivo de peche xa que arredor do 70% destas débedas son con outras plantas do grupo que á súa vez teñen pendente de abonarlle á fábrica de Narón contías por valor de case oito millóns de euros.
Ademais, indicou, o persoal segue demandando que se incorpore á mesa de negociacións unha representación da fábricas de Polonia e Portugal, xa que xunto coa planta de Narón forman un grupo de empresas entre o que existe unha clara vinculación nos procesos organizativos e produtivos.
De igual xeito, reclamáronlle ao administrador concursal que non se limite ao prazo de 30 días no período de consultas do ERE e pediron que a propia Consellaría de Industrias se incorpore ás negociacións posto que "todo o que pase na mesa do ERE repercute directamente e condiciona o que se faga na mesa técnica".