Os traballadores/as de Poligal demandan información sobre o posíbel inversor
Como cada mércores, os traballadores e traballadoras de Poligal concentráronse diante do edificio da Xunta en Ferrol ante a falta de información sobre o posíbel inversor interesado na planta de plástico de Narón. Na reunión da pasada semana, o IGAPE informou que o grupo industrial interesado procedera á sinatura do contrato de confidencialidade, pero dende entón "non sabemos nada máis da evolución desta situación".
De feito, explica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, "descoñecemos que percorrido terá esta alternativa e nin sequera sabemos que proxecto industrial baralla para as instalacións de Poligal". Ao parecer, segundo as informacións das que dispón o persoal, o grupo inversor estuda tanto a posibilidade de continuar coa produción de plástico para o sector alimentario como iniciar unha nova actividade industrial.
Doutra banda, a CIG critica o desinterese absoluto do PSOE neste conflito, xa que nin o alcalde de Ferrol, nin o Delegado do Goberno, nin o director xeral de Industria (con que se reuniu o comité a finais de marzo) se volveron pór en contacto coa representación social para informar das xestións feitas polo Ministerio na procura de alternativas ao peche e aos despedimentos. "Aínda que á vista da situación actual, parece claro que as xestións do Ministerio, se algunha realizaron, non serviron absolutamente para nada", denuncia Amado.
O despedimento dos máis de 100 traballadores e traballadoras de Poligal fíxose efectivo hai un mes e están a espera de que se asine o auto para poder cobrar as indemnizacións. Porén, non se resignan a ver como se continúa desmantelando o tecido industrial da comarca e seguirán pelexando para que as instalacións de Narón retomen a actividade.