Os traballadores/as de IKF da Guarda camiño de cumprir as dúas semanas en folga indefinida contra a dobre escala salarial
Os traballadores e as traballadoras de Imerys Kiln Furniture (IKF) da Guarda continúan coa folga indefinida iniciada o pasado 14 de xullo en rexeitamento á dobre escala salarial que a empresa quere prolongar e á liberalización dos horarios, á maior flexibilización da xornada ou ao cambio no goce das vacacións que pretende impor.
Tras case dúas semanas de paro xeral, cun seguimento masivo do persoal, o pasado venres producíase un achegamento por parte da dirección, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais.
Porén, explica Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, a dirección non quere tocar por agora a principal problemática, a eliminación da dobre escala salarial, cuestión que pretende deixar para o final da negociación. "O pasado venres houbo un pequeno achegamento pero non sabemos en que vai rematar. Quedamos emprazados a volver reunirnos, pero aínda sen data concreta", sinala.
Engade Vicente que nese breve encontro, a empresa tamén tentou forzar a desconvocatoria da folga a cambio de abrir as conversas "pero os traballadores e as traballadoras foron claros, continuarán coa folga até conseguir que se dea resposta ás súas demandas".
Neste senso, critica a ausencia da Xunta de Galiza neste conflito malia a importancia laboral e económica que ten a actividade desta fábrica para á Guarda e o conxunto da comarca. "É esta a preocupación que ten a Xunta polos dereitos dos traballadores e das traballadores desta empresa?", inquire Xulio Vicente.
Así as cousas, o persoal recibiu este luns a visita das alcaldesas do Rosal e de Tomiño, a quen lles trasladaron a situación laboral que se vive na fábrica (propiedade da multinacional francesa Imerys e que se dedica á fabricación de materiais refractarios) e a quen lles solicitaron a súa intervención e o apoio institucional ás súas reivindicacións.
Diferenzas nos salarios de até 5200€ anuais
Cómpre lembrar que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis.
Xunto a isto, IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa.
Diante deste retroceso nos dereitos, os traballadores e as traballadoras acordaron en asemblea iniciar folga indefinida dende o 14 de xullo, que manterán mentres non se dea cumprida resposta as súas demandas.