Os traballadores/as de Comfica, contrata de Telefónica-Movistar, denuncian a falta de medidas individuais de protección
O comité de empresa de Comfica, contrata de Telefónica-Movistar, na provincia de Pontevedra, denuncia que a empresa non lles facilitou ningún tipo de medida de protección individual a pesar de que o persoal está obrigado a traballar na rúa ao tratase dun sector estratéxico.
A representación sindical explica que a dirección de empresa informou tras as reunións mantidas entre o Goberno, Telefónica e as compañías contratistas que traballan para Telefónica-Movistar que os técnicos/as que fan as instalacións e as reparacións en domicilios particulares e empresas teñen que seguir traballando ao tratarse dun sector estratéxico, “remitíndonos ao artigo 19 do RD do 14 de marzo de 2020”.
“Dende este comité de empresa, pertencente na súa totalidade ao sindicato CIG, queremos expresar que debido á gravidade da situación os traballadores/as non nos negamos en ningún momento a continuar traballando”.
Con todo, denuncian a día de hoxe non recibiron ningún medio de protección individual, “nin luvas desbotábeis, nin xel antiséptico, nin máscaras para protexernos e desinfectarnos despois de cada actuación e evitar así converternos en propagadores/as do virus”.
Lembran que estes medios están considerados como equipos de protección individual, “e remitímonos ao artigo 17 da Lei de Prevención de Riscos Laborais 31/1995 do 8 de novembro, onde se lembra que o empresario/a deberá proporcionar os equipos de protección individual axeitados para o desenvolvemento das funcións de cada traballador/a e velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos, realizados sexan necesarios”.
Ao mesmo tempo, denuncian que mentres o persoal das contratas non ten os equipos necesarios, os traballadores/as da empresa principal, Telefónica-Movistar, “teñen todos os medios necesarios cando realizan o mesmo traballo ca nós”.
Protocolo para a clientela
Os delegados/as de prevención tamén lle comunicaron á empresa a necesidade de crear un protocolo de actuación para a clientela, á que se cita a través dun sistema automático para facer a instalación ou solucionar a avaría.
“Cremos que a empresa debera lembrarlle as medidas de seguridade, como manter a distancia de seguridade; que a zona de traballo ten que estar limpa; ou que deberá ser unha única persoa a que atenda o técnico/a no domicilio; ademais, se o cliente ten síntomas da enfermidade ten que cancelar a actuación e adiar a cita”.
Neste senso, apelan á responsabilidade da cidadanía, “xa que somos un colectivo de risco e podemos converternos en propagadores/as do virus debido á gran cantidade de visitas que realizamos”.