O persoal de Alcoa reclama a intervención das fábricas se a empresa teima no peche
Os traballadores e as traballadoras de Alcoa saíron este venres en manifestación pola principal vía de comunicación da Coruña para esixir a retirada do ERE de extinción formulado pola empresa, defender a viabilidade da fábrica e demandar dos Gobernos medidas efectivas que garantan a continuidade do proceso produtivo e dos preto de 400 empregos directos que xera.
A manifestación, na que participou un grupo de traballadores/as da planta de Avilés, partiu da explanada do edificio de sindicatos pouco despois das 15:30 horas e discorreu pola Avenida de Alfonso Molina até a Ponte Pasaxe, onde os traballadores e traballadoras deron volta para regresar ao lugar de partida. Durante todo o percorrido, que se prolongou por espazo de máis de dúas horas, foron constantes os berros contra o ERE, a favor do mantemento da actividade e os empregos, ou para esixirlle ao Goberno español que, se a empresa teima no peche, interveña as instalacións, recuperándoas para o sector público.
"Hai que impedir a toda costa que a fábrica pare a produción. Emprazamos o Goberno a que faga unha intervención. Ten a SEPI como ferramenta para facerse cargo da factoría para evitar o cese da súa actividade", aseverou o delegado da CIG, Julio Moskowich. Neste senso, a representación da CIG volveu reclamar a necesidade de avanzar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o estatus específico das industrias de grandes consumos enerxéticos.
"Se tiveramos un prezo da electricidade máis baixo, como teñen no resto de Europa, seríamos unha fábrica competitiva. Ao igual que o son outras plantas de Alcoa, como a de Noruega, que tendo unha tecnoloxía similar á da Coruña é rendíbel", valorou.
A poxa da interrumpibilidade, un "desastre"
A marcha realízase coa poxa do sistema de interrompibilidade (na que Alcoa concorreu coas súas tres fábricas) xa resolta e que Moskowich cualificou de "desastre". "Dende que impuxeron este sistema no ano 2014, dende a CIG vimos advertindo da súa perversidade, de que non serve para a industria electrointensiva e de que non é máis que parche que non garante a continuidade das fábricas a longo prazo. Isto demostrouse ano tras ano e neste 2018, a poxa foi un desastre total. Tanto, que xa non só afecta a Aloca, senón que parece que terá consecuencias noutras empresas con grandes consumos enerxéticos", alertou.
Moskowich valorou tamén o Real Decreto aprobado o pasado venres no Consello de Ministros e Ministras de medidas de axuda á industria electrointensiva "que pode ser o principio dun bo camiño, pero que a día de hoxe é insuficiente. Danse un prazo de seis meses para artellar un estatuto da industria electrointensiva e unha tarifa eléctrica específica, pero seis meses é un prazo demasiado longo. Necesitamos solucións inmediatas, no prazo dun mes a máis tardar, porque doutro xeito vai chegar tarde para as fábricas de Alcoa", aseverou.
Folga o día 19 de decembro
Así as cousas os traballadores e as traballadoras de Alcoa continuarán na loita contra o peche das fábricas e o vindeiro mércores, 19 de xuño, teñen convocada unha xornada de folga nas tres factorías (A Coruña, San Cibrao e Avilés). Con tal motivo, o persoal da Coruña trasladarase até A Mariña e xunto cos compañeiros e compañeiras de San Cibrao sairán en manifestación dende Ribadeo até Vegadeo. De xeito simultáneo, o persoal de Avilés marcharán dende Castropol até Vegadeo, para atoparse ambas marchas na ponte vella entre Galiza e Asturias.