Os traballadores/as de Albada acordan suspender a folga tras aprobar o Concello a intervención da planta de Nostián

A medida suporá a retirada do ERTE e manter as condicións laborais
A Coruña - 17 Dec 2019

As asembleas de traballadores/as de Albada celebradas esta noite acordaban a suspensión da folga indefinida iniciada o pasado 8 de decembro, despois de coñecerse que a Xunta do Goberno local aprobou o secuestro temporal da concesión, de xeito que o Concello pasará a asumir a dirección técnica e organizativa das instalacións a través dun interventor nomeado para tal fin. A suspensióm da folga farase efectiva este mércores 18 coa entrada a traballar do persoal da quenda das 14h.

A medida aprobada na Xunta de Goberno foi comunicada pola concelleira de Medio Ambiente ao comité na reunión mantida esta tarde, na que o Concello se comprometeu ao secuestro temporal da concesión (por un prazo máximo de oito meses), o que permitirá garantir o cumprimento da prestación do servizo segundo o marcado nos pregos e seguir recibindo e tratando os residuos procedentes do Consorcio das Mariñas, como se viña facendo até agora. A consecuencia desta intervención sería a retirada do ERTE e da modificación substancial dad condicións laborais que Albada pretende aplicar dende o 2 de xaneiro. Estes dous puntos (regulación de emprego e impedir a entra dos camións do Consorcio) foron os que levaron os traballadores e as traballadoras de Albada a convocar a folga indefinida. 

Xunto a isto, dende o Goberno local da Coruña trasladouse un compromiso de mantemento das actuais condicións socio-laborais recollidas no convenio colectivo e de estudar os mecanismos legais para prorrogar a ultraactividade deste por un prazo de dous anos, tempo no que se procedería á negociación do novo marco regulador. Hai que lembrar que o grupo Urbaser leva máis de un ano boicoteando a negociación do convenio e pretendía dalo por decaído a partir do próximo mes, para pasar a aplicar o marco estatal, de condicións inferiores.

Para Hadrián Canosa, delegado da CIG, a decisión da Xunta de Goberno constitúe un gran paso na resolución do conflito, toda vez que dende a representación social se lle vén demandando historicamente ao Concello da Coruña o rescate ou a intervención da planta como única saída para garantir os empregos, as condicións e a propia viabilidade das instalacións, ante o paquete de recortes formulado por Albada. Por iso, apunta, "unha vez acadado este acordo, entendemos que se dan as razóns para a suspensión da folga, o que non supón a desconvocatoria da mesma”

 

A este respecto, Canosa avanza que non se procederá á desconvocatoria da folga até que todos os puntos que motivaron a medida de presión (ERTE, modificación e convenio) sexan debidamente resoltos e trasladados nun acordo coa nova dirección nomeada. Apunta tamén que agora Albada ten un prazo de tres días para presentar alegacións "e descoñecementos cal será a reacción da empresa, se asumir as condicións do Concello ou mantelas e polo tanto abandonar a xestión de Nostián". 

En calquera caso, Canosa salienta o total seguimento que tivo a folga nesta semana e media e a disposición dos compañeiros e compañeiras a menter a reivindicación en defensa do emprego e dunhas condicións laborais e salariais dignas.