Os soldos subirán sobre un 6% na conserva ao aplicarse o novo convenio e a cláusula de revisión do IPC real
O persoal da industria conserveira verá incrementados os seus soldos sobre un 6% a partir da nómina de xaneiro, unha vez que se aplique a cláusula de revisión salarial do IPC real interanual pactada no actual convenio colectivo estatal. Ademais, dende a FGAMT-CIG salientan que a comisión técnica de igualdade está a traballar na mellora da clasificación profesional para rematar coa discriminación indirecta das traballadoras, seguindo o mandato do negociado en convenio.
Estas e outras cuestións foron abordadas por empregadas/os e delegadas/os sindicais da CIG no sector na asemblea informativa celebrada días atrás en Vilagarcía, encontro no que se fixo fincapé en que grazas á cláusula de revisión salarial garántese o poder adquisitivo das traballadoras/es da conserva.
“Dende a nosa central reivindicamos sempre esta cuestión, sobre todo despois dunha etapa como a da pandemia da covid 19 na que as empresas de alimentación, e neste caso as industrias conserveiras, foron esenciais e multiplicaron os seus beneficios, beneficios que entendemos que teñen que repercutir tamén nos salarios do persoal”, explica Mar Vila, da FGAMT-CIG do Salnés.
Outro tema que se trasladou no encontro foi o traballo que a representación da central sindical está a levar a cabo na comisión técnica de igualdade para mellorar a clasificación profesional no sector, “cuestión que estivo avanzando nos últimos meses de cara a dar cumprimento ao acordo recollido no convenio”. Na CIG consideran fundamental este aspecto, xa que non pode ser que unha traballadora estea 40 anos da súa vida laboral como auxiliar cando realiza outras tarefas e postos de traballo. “Teñen dereito a unha aplicación xusta das clasificacións profesionais para garantir que a igual traballo igual salario, así como a poder promocionar laboralmente dentro de cada empresa”.
A suba salarial vaise aplicar unha vez que xa é público o IPC real interanual (5,7%). As traballadoras/es ingresarán tamén os atrasos correspondentes a 2022 por valor duns 700 euros brutos de media para persoal de fabricación, ao tempo que verán incrementados os seus soldos sobre un 6% a partir da nómina de xaneiro (6,5% para o Grupo 5, o máis feminizado, e 6,2% para o resto de categorías laborais).
Rematar cunha discriminación histórica
Pola súa banda, a técnica de Igualdade da CIG Ester Mariño incidiu en que a central sindical estase a tomar "moi en serio" o cometido que quedou pendente no convenio de rematar coa “discriminación histórica” que existe no sector da conserva, xa que o actual sistema de clasificación profesional permite que as empresas fagan un uso discriminatorio do mesmo que se traduce en diferencias salariais de arredor do 30%. “Por iso estamos a traballar nunha proposta que garanta que as compañías lle paguen ás persoas polo traballo que fan realmente, evitando que se produzan discriminacións salariais por cuestión de sexo como até o de agora”.
En canto á proposta, detallou que contempla unha promoción ligada á antigüidade na empresa para evitar que haxa mulleres traballadoras da conserva 40 anos da súa vida laboral sendo auxiliar cando realizan outras tarefas e postos de traballo, tal e como acontece agora. “Hai que rematar con esta fenda salarial de xénero para que estas persoas reciban o soldo que merecen e vexan valorado o seu traballo”.