Reclaman medidas concretas para que a paralización da central térmica das Pontes non afecte ao emprego
Representantes da CIG, CCOO e UGT mantiveron hoxe unha reunión co responsábel autonómico de Industria e coa de Infraestruturas para trasladarlles a necesidade de adoptar medidas concretas encamiñadas a evitar que a paralización da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez teña consecuencias negativas sobre o emprego e a economía de Ferrolterra e de Galiza.
Na xuntanza, que se celebrou a petición dos sindicatos, participaron por parte da CIG o secretario nacional da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas, e Fernando Branco, representante da central en Endesa-As Pontes. Os responsábeis sindicais explicaron que durante o encontro abordouse a situación derivada do paro produtivo que se prolonga dende hai xa catro meses e as posíbeis consecuencias sobre o emprego e a economía da comarca e do conxunto do país.
Indicaron que ao terse suspendido o transporte de carbón Endesa vai reducir os contratos coas empresas auxiliares, o que supón unha ameaza directa a centos de postos de traballo. “A dirección da compañía está a eliminar custes a pesar de que se tata dun paro temporal, entre eles a man de obra”, denuncian.
Tramitar unha serie de reunións
Diante disto, os sindicatos solicitaron que a Xunta tramite unha serie de reunións -nas que terán que participar os responsábeis autonómicos e os tres sindicatos- co obxectivo de abordar medidas concretas. En primeiro lugar, coa dirección de Endesa en Madrid para reclamarlle que paralice calquera medida que poida afectar o emprego. “Imos solicitarlle tempo para que se solucionen os problemas que provocan que a central estea parada”, indican.
A seguinte xuntanza sería coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para demandarlle unha modificación a respecto do céntimo verde, “no sentido de que haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión”. E por último co comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, para instalo a actuar sobre o mercado de emisións de CO2 “no sentido de aplicar os mecanismos previstos de estabilización de prezos do mercado, xa que nos dous últimos anos esa bolsa especulativa incrementouse nun 500%”.