Os sindicatos promotores da folga e mobilizacións docentes exixen unha xuntanza co conselleiro para negociar melloras reais
CIG-Ensino, STEG e CSIF veñen de remitir un escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, en demanda dunha xuntanza para negociar melloras reais. Os tres sindicatos, que acadaron o 60% da representación nas eleccións sindicais de hai agora un ano, fan tamén un último chamamento á responsabilidade das centrais minoritarias que asinaron “un pacto que en lugar de melloras é de renuncias” para unirse á loita conxunta e non traizoar así o colectivo docente galego que, malia todo, se mantivo unido durante este mes reivindicativo.
No documento remitido ao titular de Educación, Román Rodríguez, as centrais CIG-Ensino, STEG e CSIF parabenizan o profesorado galego por amosar “un enorme compromiso e dignidade coa súa participación nas diferentes mobilizacións, desde as accións de protesta nos centros até as manifestacións nas rúas, así como nas dúas xornadas de folga”.
En concreto avalían moi positivamente a masiva asistencia ás manifestacións convocadas tanto os días 24 de outubro e 28 de novembro como o 19 de novembro, “todas elas máis numerosas que a celebrada hai catro anos no marco dunha xornada de folga unitaria pola recuperación horaria e mesmo que as que tiveron lugar no ano 2011 fronte ás políticas de recortes do goberno de Feijóo”.
Os tres sindicatos analizan a dificultade de mobilizarse neste caso “non só contra as decisións dun goberno senón despois de que este asinara con aleivosía un acordo cunha minoría sindical” e enxalzan que o colectivo docente se mantivo unido malia a clara intención de dividilo co propio contido do acordo. Á vez lembran que os tres sindicatos asinantes colaboraron nesa división ao non se manteren firmes nas que eran tamén as súas demandas, e así o recollían un día antes de comezar as negociacións, de recuperación das 18 horas en secundaria e demais ensinanzas e das 21 en infantil e primaria, renunciando ao primeiro e dando por boa a baixada a 23 nestas últimas etapas e aceptando un calendario de redución das ratios que nos leva a prazos inasumíbeis de até 9 anos na etapa de primaria e sen datas concretas na ESO, Bach e resto de ensinanzas.
Declaracións impropias do conselleiro e chamada á responsabilidade á minoría sindical
No texto critícase a actitude do conselleiro que o mesmo día da última xornada de folga afirmou que non hai marxe para negociar porque “sería faltarlle ao respecto e non ter en consideración aos tres [por CCOO, ANPE e UGT] que si asinaron” para a seguir indicar que a organización que non asinou [en referencia á CIG-Ensino] non tivo interese en facelo e prefire “xerar certo lío no sistema”.
Para os tres sindicatos que esta sexa a única resposta por parte do responsábel de Educación é unha irresponsabilidade e lémbranlle que “está desprezando unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumíbeis en aspectos tan fundamentais como a redución das ratios ou da burocracia”.
Así mesmo, chaman aos tres sindicatos que asinaron este acordo a denuncialo, a desautorizar ao conselleiro para que non os erixa como escusa para non negociar melloras reais para o colectivo e para o ensino público e a unirse a unha loita conxunta para conseguir superar o que pactaron.
Con todo, tamén deixan claro que "non dan nin darán por pechada a posibilidade de negociar" e para iso insisten en que cederon nas súas demandas iniciais para presentar unha proposta “perfectamente factíbel tanto a nivel orzamentario como temporal”. Neste sentido recalcan que ningunha das organizacións está “pola lea”, senón por conseguir a táboa reivindicativa, que é a que representa o que demanda a maioría do profesorado:
- A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en infantil e primaria nun máximo de 2 cursos.
- A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
- A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e de titoría e co aumento de persoal administrativo.
- Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.
Finalmente, e tras insistir en que agora teñen a palabra o conselleiro, e no caso de que este non poida, o presidente da Xunta, anuncian que aínda que a súa proposta de mínimos segue en pé, se non hai movementos nin vontade de rectificar por parte do goberno continuarán coas accións necesarias para facer valer a voz do profesorado galego fronte ao inmobilismo da administración.
COMUNICADO DE CIG-ENSINO, STEG E CSIF-ENSINO
As organizacións sindicais que convocamos as mobilizacións contra o acordo que nos venderon como de melloras e que asume importantes renuncias nos dereitos colectivos como profesorado e limitacións inexplicábeis na defensa do ensino público para os próximos anos, queremos con este comunicado e en primeiro lugar, parabenizar o profesorado que deu mostras desde o pasado 24 de outubro e ao longo de todo o mes de novembro, dun enorme compromiso e dignidade coa súa participación nas diferentes mobilizacións e nas dúas xornadas de folga.
As manifestacións que acompañaron ás dúas folgas, xunto coa manifestación nacional do 19 de novembro, teñen un enorme valor por varios motivos. En primeiro lugar porque foron as máis numerosas das últimas décadas, superando mesmo as mobilizacións que no 2011 nos levaron a todos os sindicatos a saír ás rúas contra os recortes de Feijóo, eses mesmos recortes que son os que tamén agora nos seguen a mobilizar. Foron, desde logo, moito maiores que as da folga de decembro de 2019, tamén unitaria dos seis sindicatos con representación e que se centraba na recuperación do horario lectivo de 21 sesións en Infantil e Primaria e 18 en secundaria e demais ensinanzas. Todo un síntoma do fastío e do rexeitamento do profesorado.
En segundo lugar, o seguimento das folgas e a participación nas protestas do “novembro de loita”, ten un valor especial porque a ninguén se lle escapa que non é o mesmo protestar contra un goberno que facelo contra ese mesmo goberno cun “acordo” debaixo do brazo que conta co apoio de sindicatos que, sendo minoritarios, ofrecen á Consellaría un dos logros que buscaba: sementar a división. Unha división que para quen xoga co profesorado desde San Caetano debe irradiar desde o sindical a todo o persoal docente, enfrontándonos en función do contido do acordo.
O logro de reaccionar como un colectivo unido ten necesariamente dous elementos fundamentais: que exista na representación do profesorado quen promova a mobilización e a protesta é un paso elemental, mais é a forza e voz do profesorado a que dá sentido e confirma a vontade de unión e de loita. De aí que desde as tres organizacións sindicais entendamos a resposta destas semanas como un enorme exercicio de dignidade e de rebeldía contra o desprezo da Xunta de Galiza, o pacto coa minoría sindical, o silencio dalgúns medios de comunicación e a censura dos medios públicos dependentes da CRTVG, cada vez máis convertida nun aparato propagandístico do partido no poder que nun verdadeiro medio público ao servizo da cidadanía.
O conselleiro escúdase en CCOO, ANPE e UGT para non modificar o acordo
En declaracións aos medios de comunicación o 28 de novembro, segunda xornada de folga convocada pola CIG-ENSINO, STEG e CSIF- ENSINO, Román Rodríguez afirmou que non hai marxe para negociar porque, e citamos textualmente “sería faltarlle ao respecto e non ter en consideración aos tres (por CCOO, ANPE e UGT) que si asinaron” para a seguir indicar que a organización que non asinou (en referencia á CIG-Ensino) non tivo interese facelo e prefire “xenerar certo lio no sistema”.
Esta é a única resposta que recibe o 60% da representación sindical á solicitude dunha reunión para procurar unha vía de solución a un acordo que consideramos vergoñento e que deixa atrás unha boa parte das demandas do profesorado, expresadas nas urnas sindicais recentemente mais tamén no día a día nos centros e nas rúas nestas últimas semanas. O desprezo político non é ás siglas de quen rexeitamos o acordo e cumprimos co compromiso de defender melloras reais no desempeño do noso labor docente: é un desprezo a unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumíbeis en aspectos tan fundamentais como a redución das ratios ou a burocracia.
“O profesorado galego está no furgón de cola do Estado nos seus horarios lectivos”. Esta afirmación non a faciamos só quen rexeitamos o pacto; tamén quen o asinaron. Estabamos antes do acordo nese dubidoso podio dos recortes laborais ex aqueo con Madrid, que vén de anunciar que en dous anos o profesorado de secundaria terá 18 horas lectivas, unha das demandas fundamentais da plataforma reivindicativa de mínimos que propoñemos. Isto é, o profesorado galego segue sendo o único do Estado que non recuperou ou non ten comprometida a recuperación dos horario previos aos recortes. A diferenza, o elemento máis preocupante, é que aquí seguimos así tras un acordo coa minoría sindical.
A alternativa está no respecto á vontade do profesorado Ante esta situación, CIG-ENSINO, STEG e CSIF-ENSINO consideramos o seguinte:
- O mínimo respecto ás normas democráticas e á representación do profesorado exixen que o conselleiro rectifique e reciba ás tres organizacións que propoñemos unha alternativa ao actual acordo.
Nin damos nin daremos por pechada a posibilidade de negociar
- As organizacións sindicais asinantes do acordo acaban de ser postas polo conselleiro como muro de contención para a recuperación dos dereitos e as melloras que reclamamos. Se é certo que se sentirían desprezadas porque o que asinaron se poida mellorar, estariamos diante dunha situación que, aínda que ten precedentes, nunca se dera con tanta intensidade. Se polo contrario prefiren ser parte da solución ao conflito e non do problema só cabe unha reacción: desautorizar o conselleiro e denunciar o acordo para unirse na defensa duns elementos básicos que conforman o noso punto de chegada para superar o acordo.
- Quen promovemos a alternativa maioritaria cedemos en parte das demandas propias. Así se pode constatar na contraproposta da CIG-ENSINO na mesa de negociación ou na resposta de STEG e CSIF-ENSINO cando decidiron non sumarse á chamada da Consellaría a apoiar o acordo. Somos conscientes de que estamos na fase de acadar a superación dun acordo xa asinado e que condiciona todo; de aí que o fagamos con propostas que poidan ser asumidas tanto desde a perspectiva orzamentaria como na temporal.
- Nin o sindicato maioritario na mesa de negociación, nin a unión dos tres sindicatos que contamos cunha maioría reforzada do 59% da representación nin a maioría do profesorado estamos “pola lea”.
Estamos pola dignificación da nosa profesión, por recuperar os nosos horarios lectivos, por unha redución das ratios que comeza xa en todas as etapas e que se complete en prazos razoábeis e a non a golpe demográfico, por medidas inmediatas para a redución da burocracia e por un reparto lineal dos fondos destinados a subas salariais parciais e segregadoras do profesorado.
- A proposta de mínimos que ofrecemos como táboa reivindicativa básica segue en pé, como tamén o está a nosa vontade de non ceder ante a censura, as mentiras e o desprezo do goberno galego, polo que as respostas e accións para superar o actual acordo terán continuidade se non hai quen, do outro lado, se sente a negociar con quen queremos colocar as demandas do profesorado galego no centro do debate. O conselleiro, ou se este non pode, o presidente da Xunta, teñen a palabra. Finalmente e unha vez máis, reiteramos o chamado aos sindicatos asinantes a non ser a escusa propicia para o inmobilismo da Consellaría.