Os sindicatos nacionais de Galiza, Euskal Herria, Cataluña, País Valenciano e Illas Baleares solicitaron no Congreso poder mellorar o SMI
Os sindicatos CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI reuníronse con BNG, PSOE, Sumar, Podemos, Junts per Catalunya, ERC, PNV, EH-Bildu e Compromís para que impulsen a modificación do artigo 27 do Estatuto das persoas traballadoras e poder establecer salarios mínimos interprofesionais propios para as súas nacións que permitan mellorar o SMI español.
Así mesmo, os sindicatos das nacións sen Estado solicitaron a todos os partidos que se opoñan ás modificacións do ET que non conteñan a opción de mellorar os salarios mínimos interprofesionais nos diferentes territorios.
O Goberno español non quere aceptar a plurinacionalidade do Estado, tampouco no ámbito sindical, e desde Madrid impón xunto a CCOO e UGT un salario mínimo uniforme. Así mesmo, o Goberno de Pedro Sánchez impide atender as demandas sindicais nacionais, que nalgúns territorios ademais son maioritarias. É máis, CIG, ELA e LAB ostentan a condición legal de sindicatos máis representativos e tamén son excluídos da negociación para estabelecer o SMI.
O Goberno español require de maiorías parlamentarias das que non dispón para aprobar calquera proposta lexislativa. Con todo, en materia laboral desatende a vontade dos sindicatos dos territorios nos que se enclavan os partidos políticos a quen solicita o seu apoio.
O salario mínimo é unha ferramenta fundamental en calquera nación en favor da cohesión social e para facer fronte á pobreza. Non obstante, o Estado español impón un SMI único que non se adapta ás necesidades nin á vontade das nacións galega, vasca e catalá. Os sindicatos das nacións sen Estado non van aceptar que a regulación estatal única e centralista normalice a precariedade laboral e os baixos salarios, a través dun SMI insuficiente, ou mediante a imposición do traballo a tempo parcial e dos contratos fixos descontinuos.
CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI esperan que tras as reunións mantidas se poñan en marcha proposicións de lei en favor de estabelecer SMI propios e se inicie un cambio político que traia xustiza social aos diferentes pobos do Estado español.