Os sindicatos estatais tamén asinan unha redución de soldos en Servicios Securitas
Ao igual que en ESC Servicios Generales, empresa multiservizos do grupo Prosegur, as centrais estatais CCOO, UGT e USO asinaron un convenio colectivo en Servicios Securitas, empresa multiservizos da outra gran compañía española de seguridade, que se traducirá nunha perda salarial de 52 euros mensuais para 4000 traballadores/as en todo o Estado, uns 200 en Galiza.
Tamén como na multiservizos de Prosegur, o acordo coa dirección contempla a absorción dentro do SMI de conceptos extrasalariais como os complementos de transporte e vestiario, contradicindo o que CCOO e UGT sosteñen en público.
Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, a última subida aprobada do SMI provocou un incremento importante nas nóminas do persoal, xa que este tipo de empresas caracterízanse polos baixos salarios e a precariedade.
Mais aos 900 euros do SMI habería que sumarlle os pluses de transporte e vestiario, polo que o soldo mensual pasaría a 952 euros, algo que non contempla o convenio colectivo asinado.
Diante disto, adianta que a central adoptará as medidas oportunas para garantir que se lle aplique o novo SMI a todos os traballadores/as de Servicios Securitas sen incluír os pluses.