Os sindicatos de Vitrasa estenderán o conflito pola actitude da dirección e a complicidade do Concello
“Se a dirección de Vitrasa non dá pasos decididos e de maior calado para crear unhas condicións que permitan unha verdadeira negociación o conflito agravarase”. Así de contundente se amosou hoxe o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, durante a rolda de prensa ofrecida polos catro sindicatos con representación no comité de empresa da concesionaria do servizo municipal de transporte.
Gonçalves compareceu diante dos medios de comunicación xunto a responsábeis de CCOO, UGT e USO da propia representación do cadro de persoal para abordar a situación cando se cumpren 62 xornadas de folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno. O máximo responsábel da CIG-Vigo anunciou que “se a empresa e o Concello non dan un paso adiante, se non moven ficha, dende a nosa central imos mobilizar os 1300 delegados/as sindicais que temos na bisbarra”.
De igual xeito, os representantes dos outros sindicatos amosaron a súa disposición a estender o conflito ao conxunto das organizacións porque, tal e como sinalou Gonçalves, esta folga é xa polos intereses e a dignidade da clase traballadora en xeral. Por iso incidiu a necesidade de que a empresa atenda as principais reivindicacións duns traballadores/as, comezando pola retirada das sancións e de todos os expedientes abertos e seguindo por poñer enriba da mesa avances reais na recuperación do poder adquisitivo e na mellora das condicións de traballo.
O responsábel da CIG-Vigo lembrou que a empresa leva anos acumulando numerosos incumprimentos laborais, o que provocou unha continua conflitividade e un bloqueo da negociación colectiva, co convenio caducado dende decembro de 2020. que res anos de conflito. “Trátase dunha situación sen precedentes no servizo de transporte da cidade, da que a única responsábel é a posición de bloqueo da dirección, envalentonada pola complicidade do Goberno de Abel Caballero”.
Lamentou que neste tempo o persoal tivo que enfrontar o intento da empresa de baixar os salarios case un 40% mediante un descolgue de convenio e está a padecer unha “brutal campaña” de represión sindical, “con case 20 sancións inxustificadas e con expedientes arbitrarios que poderían supoñer o despido das persoas afectadas”.
A escusa do reequilibrio económico
Ademais, a dirección negouse a negociar coa escusa do reequilibrio económico, pretendendo con esta “actitude pirata” lograr novas subvencións mentres mantén sen actualizar os salarios do persoal, que padece unha forte perda de poder adquisitivo.
“E todo baixo o paraugas do Goberno municipal, un goberno absolutamente entregado aos intereses da empresa e cun cada vez máis indisimulado discurso antisindical que en nada ten que envexar á dereita máis rancia”. Por iso considera que tanto o Concello como a empresa semellan empeñados en colocar o conflito nun canellón sen saída e en poñer a cidadanía en contra do comité”.
E quixo deixar moi claro que a disposición a negociar de maneira honesta por parte dos representantes dos traballadores/as e dos propios sindicatos quedou acreditada co preacordo asinado na penúltima xuntanza entre as partes. “Entendiamos que podía ser un punto de partida para desbloquear a situación e avanzar cara a negociación dun convenio digno, pero foi rexeitado de maneira moi contundente polo cadro de persoal en asemblea”.
Neste senso, sinalou que a mensaxe dos empregados/as foi moi clara: “están fartos/as do comportamento da dirección e non se fían da súa palabra; de xeito que consideraron insuficiente este primeira paso dado pola empresa tras anos negándose a negociar”.
Unha “decisión rotunda” que deixou en evidencia a quen durante as últimas semanas sostiña publicamente que a folga non contaba co apoio da maioría do persoal, “en especial o voceiro municipal Carlos López Fonte e as súas vomitivas declaracións, impropias dun representante dunha formación que se di progresista”.