As centrais sindicais convocantes da folga no siderometal ourensán chaman a participar na manifestación deste xoves
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a celebración dunha manifestación coincidindo coa segunda xornada da folga convocada no sector do siderometal ourensán para reclamar un convenio colectivo provincial digno. A marcha a pé arrincará este xoves 29 da Casa Sindical ás 12:00 horas e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
A mobilización foi presentada hoxe en rolda de prensa por responsábeis dos tres sindicatos, que aproveitaron tamén para anunciar que os piquetes informativos comezarán a desenvolver o seu labor este martes día 27 partir das 20:00 horas de cara ás quendas de noite. As dúas xornadas de folga de 24 horas terán lugar o mércores 28 e o xoves 29, pasando a ser indefinida o vindeiro mércores 5 de outubro no caso de que as partes non cheguen antes a un acordo que permita pechar o conflito.
Un conflito ao que os traballadores/as se ven abocados pola actitude da patronal, cuxa última proposta está moi afastada das reivindicacións da parte social e malia "o esforzo que fixemos na última reunión para tentar chegar a un acordo e evitar o conflito; pero o empresariado non se moveu nin fixo contraoferta, limitando a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024)", segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
Esta contía non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. "Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios", denuncia.
Fronte a esta suba de miseria, as centrais sindicais demandan un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial, e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, piden un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.
Chamamento á participación
Diante deste escenario de negociacións estancadas, que para a CIG-Industria levan rotas xa dende maio polo inmobilismo patronal, a asemblea de traballadores/as decidiu convocar dúas xornadas de folga en setembro e, de non producírense avances que permitan chegar a un acordo definitivo para o convenio, retomar a folga o 5 de outubro, pero xa con carácter indefinido.
Gómez advirte ás empresas do erro que están cometendo, “tropezando na mesma pedra na que tropezaron na Coruña, onde levaron ao sector a conflito e remataron asinando un convenio que recolle as xustas reivindicacións dos traballadores/as”.
Por iso, a CIG-Industria chama a todo o persoal do siderometal da provincia a secundar masivamente a folga e as mobilizacións “para amosarlle ao empresariado a nosa determinación de loitar até conseguir algo tan básico como manter o poder adquisitivo nun momento de suba disparada dos prezos, porque empobrecernos para que as empresas se enriquezan máis non é unha alternativa”, conclúe.