Os prostíbulos do capitalismo
Os paraísos fiscais teñen un rol central no universo das finanzas sucias, isto é, dos capitais orixinados en actividades ilícitas e criminais. Mafias e políticos corruptos son clientes asiduos deses territorios
Cada vez que se revelan datos sobre os chamados paraísos fiscais, aparece o pánico en amplos medios económicos que se valen dese expediente. Canalizan as súas riquezas para eses territorios que alugan as súas soberanías para agocharen negocios escuros.
Os chamados paraísos fiscais son verdadeiros prostíbulos do capitalismo. Neses territorios practícase todo tipo de actividades económicas que serían ilegais noutros países, captando e limpando sumas millonarias de recursos, como os provenientes do comercio de armas, do narcotráfico e doutras actividades ilegais doutros países. Serven así mesmo para facer circular capitais sen pagar os impostos que deberían pagar nos seus países de orixe.
Os paraísos fiscais, que sumarían entre 60 e 90 no mundo, son micro-territorios ou Estados con lexislacións fiscais laxas ou mesmo inexistentes. Unha das súas características comúns é a práctica de recibir capitais de xeito ilimitado e anónimo. Son países que comercializan as súas soberanías ofrecendo un réxime lexislativo e fiscal favorábel, calquera que sexa a súa orixe. O seu funcionamento é simple: varios bancos reciben diñeiro do mundo enteiro e de calquera persoa tendo custos bancarios baixos, comparados coa media doutros bancos noutros lugares.
Os paraísos fiscais teñen un rol central no universo das finanzas sucias, isto é, dos capitais orixinados en actividades ilícitas e criminais. Mafias e políticos corruptos son clientes asiduos deses territorios. Segundo o FMI, o branqueamento de diñeiro representa entre o 2 e 5% do PIB mundial e a metade dos fluxos de capitais internacionais; circulan ou residen neses Estados, entre 600.000 millóns e 1 trillón e 500.000 millóns de dólares sucios.
O número de paraísos fiscais incrementouse coa desregulamentación financeira promovida polo neoliberalismo. As innovacións tecnolóxicas e a constante invención de novos produtos financeiros que escapan a calquera regulamentación aceleraron eses fenómenos.
Tráfico de armamentos, empresas de mercenarios, tráfico de drogas, prostitución internacional, corrupción, asaltos, secuestros, contrabando, evasión de impostos, etc., son as fontes que alimentan eses Estados e aos mecanismos de branqueamento de cartos.
Un ministro de economía de Suiza -un dos máis grandes e coñecidos paraísos fiscais- declarou, nunha visita a París, defendendo o segredo bancario, chave para que eses fenómenos poidan existir: “Para nós, isto reflicte unha concepción filosófica da relación entre o Estado e o individuo”. E engadiu que as contas secretas representan o 11% do valor agregado bruto xerado en Suíza.
Nun país como Liechtenstein, a taxa máxima de imposto á renda é do 18% e sobre a fortuna inferior ao 0,1%. Ese país especialízase en abrigar sociedades holdings e as transferencias financeiras ou depósitos bancarios.
Unha sociedade sen segredo bancario, onde todos soubesen o que cada un gaña, podería ser considerada como un paraíso. Pero sucede o contrario, porque se trata de paraísos para capitais ilegais, orixinados en actividades ilícitas.
Eses paraísos existen, son coñecidos, case ninguén ten a coraxe de defendelos, pero estes sobreviven e espállanse, porque son como os prostíbulos: ilegais, camuflados, pero indispensábeis para a supervivencia de institucións erradas, que teñen neses espazos os complementos indispensábeis para a súa existencia.
[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 5 de abril de 2016]