Os paros en Vitrasa para forzar a negociación do convenio comezan este mércores tras abandonar a empresa a mediación
Este mércores 2 de novembro darán comezo os paros parciais convocados polo persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, para forzar a empresa a negociar un novo convenio colectivo, xa que ao actual está caducado dende decembro de 2020. Dende a representación dos traballadores/as denuncian que a dirección abandonou a mediación que ela mesma solicitara para xustificar “un inexistente talante negociador”.
Os paros no servizo de transporte realizaranse de 0:00 a 1:00 da madrugada, de 8:00 a 9:00 da mañá e de 14:00 a 15:00 da tarde; ademais haberá paros en taller e oficinas de 0:00 a 1:00, de 11:00 a 12:00 e de 17:00 a 18:00. Todos eles os luns, mércores e venres, excepto festivos. Paros que se irán incrementando no caso de que as partes non cheguen a un acordo sobre o convenio colectivo.
Acordo que polo momento semella bastante lonxe, tendo en conta a actitude da compañía, que abandonou a xuntanza da mediación celebrada o pasado día 28 e que ela mesma solicitara “para xustificar un inexistente talante negociador”, tal e como denuncian dende o comité. Na reunión Vitrasa acusou de “inflexibilidade nas negociacións” á representación do cadro de persoal, e optou por abandonar a mediación sen sequera realizar unha oferta que permitise abrir unha vía para avanzar na solución do conflito. “Semella que a empresa se atopa cómoda co conflito, xa que non fai nada para resolver un problema que dura xa anos”, lamenta o comité.
Neste senso, consideran que a empresa perdeu toda a súa credibilidade desde o momento en que se queixa de descenso de viaxeiros/as e sistematicamente reduce servizos e deixa autobuses parados que poderían estar a captar os viaxeiros/as que di que lle faltan. Ademais, Vitrasa mantén unha reclamación ao Concello de Vigo de 14 millóns de euros, reclamación que aínda que a gañe non vai reverter no persoal, como a apropia empresa confirmou. “Está claro que a empresa pretende levar un diñeiro fácil de subvencións e axudas antes que dar un servizo acorde ás necesidades da nosa cidade, pretenden vivir do diñeiro público”.
Noutra orde de cousas, o comité mantivo unha reunión cos responsables do Concello para evitar que se volva repetir unha porcentaxe de servizos mínimos que, como nas dúas últimas ocasións, sexa ilegal. “O Concello garantiunos que nesta ocasión os servizos mínimos van ser bastante menores ao 50%, xa que o 60% que decretou nas anteriores mobilizacións foi considerado ilegal en dúas ocasións polo xulgado, que entendeu ademais que vulneraba o noso dereito de folga”.