Os Pactos da Moncloa centran o novo número de Comprendermos
O novo número de Comprendermos, o caderno de pensamento para o debate e a acción publicado conxuntamente pola Fundación Moncho Reboiras e o semanario Sermos Galiza, presenta un dossier central sobre os Pactos da Moncloa, co gallo de se cumpriren 40 anos da súa sinatura este 25 de outubro. Suso Seixo, presidente da Fundación, debulla nestas páxinas o significado dos acordos asinados por UCD, AP, PSOE, PCE, PSP, CiU e PNV en 1977 e as nefastas consecuencias que tiveron para o movemento obreiro e o conxunto do pobo traballador.
O suplemento inclúe tamén unha entrevista co sociólogo mexicano Adrián Sotelo a respecto do seu novo libro, O precariado. Unha nova clase social?, publicado recentemente pola Fundación Moncho Reboiras. O autor, profesor na Universidade Autónoma de México (UNAM), é un dos sociólogos marxistas de maior relevancia na análise das condicións de traballo e das mutacións na organización do modo de produción capitalista contemporáneo.
Na sección Conceptos, continúase coa exposición do breve mais esencial texto de Marx Salario, prezo e lucro, que se iniciara no anterior número de Comprendermos. Nesta ocasión faise un achegamento ás conclusións do teórico alemán sobre as relacións entre valor, traballo, capital, salario e plusvalía, e as leccións que o movemento obreiro debe tirar delas na loita por conquistar definitivamente un mundo mellor.
Finalmente, na Contracapa ofrécese un artigo sobre a transcendencia histórica da revolución que hai cen anos levou a clase traballadora ao poder en Rusia e as conquistas sociais que dela se derivaron para toda a humanidade.