Os orzamentos da Xunta para 2017 non se axustan á “dramática” realidade galega, nin ás necesidades do país
A consellaría de Facenda convocou para este mércores ás organizacións sindicais para falar dos orzamentos da Xunta de Galiza para 2017. Unha xuntanza á que en representación da CIG asistiron o secretario de Organización, Paulo Carril e a responsábel do Gabinete Técnico de Economía, Natividade López Gromaz, da que concluíron que os orzamentos para 2017 non se axustan á “dramática realidade galega e ás necesidades do noso país”.
Ao remate da xuntanza Paulo Carril considerou que “o conselleiro convocounos para cubrir o trámite e dar aparencia de que se reúne con nós para falar dos orzamentos, máis que para facer na xuntanza unha exposición real das liñas básicas dos orzamentos”.
O secretario de Organización sinalou ademais que da intervención do conselleiro tírase que son uns orzamentos que parten dunha visión da realidade galega que cualificou de “fantasía”. Unha realidade na que “non hai desigualdades, destrución de emprego, emigración, privatización de servizos públicos, como sanidade ou ensino, ou pobreza laboral”.
Por iso afirmou que para a CIG “non son axustados á realidade do país porque nin actúan para acabar coas desigualdades sociais, nin permitirán favorecer a creación de emprego digno, nin posibilitarán potenciar os sectores produtivos, tan castigados a día de hoxe, nin fixar poboación no rural, nin frear o avellentamento ou que cese a emigración”.
A maioría absoluta non lles dá un cheque en branco para non actuar nunha realidade en Galiza que é de auténtica emerxencia social
Fronte a isto, Carril considerou que o PP quedou nunha exposición de “titulares, desde o trunfalismo” e asegurou que, porén, “a maioría absoluta non lles dá un cheque en branco para non actuar nunha realidade en Galiza que é de auténtica emerxencia social”.
O secretario de Organización defendeu na xuntanza medidas que non están contempladas nos orzamentos e que si teñen en conta as prioridades do país, nomeadamente as 100 medidas para a creación de emprego en Galiza, que a CIG levou a debate ao Parlamento mediante unha ILP, ao igual que a da tarifa eléctrica, mais tamén medidas concretas en materia laboral e social que deberían ser as que guiaran esta nova lexislatura.
Para avalar a necesidade de pór en marcha estas propostas tanto Carril como López Gromaz puxeron sobre a mesa toda unha serie de datos que constatan que son outros os orzamentos que precisa Galiza porque a realidade non se parece á presentada polo conselleiro .
Desemprego, pobreza laboral e desigualdades sociais
Neste sentido sinalaron que aínda que levamos dous anos con incrementos do PIB galego, este estivo acompañado dun medre das desigualdades. Así incidiron en que se medimos o PIB a través da distribución funcional da renda “só no último ano a participación dos salarios na mesma pasou dun 44,6% a un 44,5%. Pero se nos retrotraemos a 2008 a perda de participación foi moito maior xa que no 2008 o peso dos salarios era do 46,9% do PIB”.
Pola contra, a participación do excedente bruto de explotación nas rendas mixtas pasou dun 45% no ano 2008, a un 46,3%, “non só medrou, se non que supera as rendas do traballo”.
Tan só medrou o número de asalariados que cobran menos da metade do SMI, até converterse nos maioritarios, o 18,4%, cando en 2009 eran o 14%
Este incremento das desigualdades non só se dá entre as rendas do traballo e as do capital se non tamén entre as e os asalariados, desde que comezou a crise. “Tan só medrou o número de asalariados que cobran menos da metade do SMI, até converterse nos maioritarios, o 18,4%, cando en 2009 eran o 14%”, subliñaron.
Por iso cuestionaron que a suposta recuperación de Galiza en función do incremento do PIB fose tal. “Que máis nos ten que medre o PIB se a parte que nos corresponde como traballadoras e traballadores cada vez é máis pequena, aínda que haxa crecemento de emprego, como ocorreu o ano pasado”.
Tanto o secretario de Organización como a responsábel do Gabinete de Economía recoñeceron que, efectivamente, o emprego medrou en 19.000 persoas. Porén subliñaron que foi todo temporal e de escasa duración. Tanta que o 34% dos contratos duraron menos dunha semana.
Dependentes
Xunto a estas cuestións, a CIG puxo sobre a mesa o desfase que hai entre dependentes con pensión recoñecida e non atendida polo sistema. Nin máis nin menos que 65.495 cunha valoración positiva para acceder as prestacións fronte a 41.823 que a perciben.
Tamén fixeron fincapé no feito de que o 22% está en risco de pobreza ou exclusión social e que en Galiza “cunha poboación moi envellecida e, polo tanto, máis dependente da asistencia sanitaria, se reducira o gasto sanitario por habitante fortemente”, xa que pasou no último ano de 1.201 € a 1.083, cando na media estatal medrou desde os 1.138 de 2014 aos 1.162,78 de 2015.
O conselleiro puxo en cuestión estes datos o que suscitou un acendido debate do que Carril concluíu que, “pode estrangular os datos como queira, pero son os que son”.