Estado español: Os novos fondos europeos, maná ou veleno?

Pau Llonch - 29 Xan 2021

Estamos ante o maior rescate de capital da historia do continente, mais o paquete Next Generation non chegará a cambio de nada, senón cunha forte condicionalidade (afortalar a reforma laboral do PP, recortar o sistema de pensións...), e unha das institucións máis poderosas de Europa (o Bundesbank) xa dixo que mesmo as transferencias directas se deberían contar cos criterios de Maastricht

Aparentemente, zoan ventos de mudanza na xestión económica da crise da pandemia, polo menos comparándoa coa da Gran Recesión. Cando menos, isto di todo o mundo. Os Estados membros da UE suspenderon o Pacto de Estabilidade e Crecemento (PEC) o pasado 23 de marzo, o cal foi acompañado dunha unanimidade total entre os expertos económicos que podemos ler en calquera medio de masas, sobre a necesidade de elevar o déficit contra a crise. Merkel tragou o de “non haberá eurobonos mentres eu viva”, e a emisión de débeda pública é un feito.

 Ao mesmo tempo, os obxectivos estratéxicos que suscita o instrumento de recuperación temporal de 750.000 millóns de euros denominado Next Generation UE (abreviado en Europa NGEU, sobre o cal versará este artigo) parecen feitos a medida de calquera conciencia progresista segundo o que afirma a propia Comisión Europea. Axudará a reparar “os danos económicos e sociais causados pola pandemia de coronavirus” e despois da súa execución “Europa será máis verde, máis dixital, máis resistente e adaptarase mellor aos desafíos actuais e futuros”. Así, malia que a crise subseguinte á pandemia supuxo a perda de 495 millóns de postos de traballo segundo a OIT, Europa encara con garantías o futuro a mercé dun aparente cambio de leme da ortodoxia económica.

 Malia que un 99,7% das case 68.000 empresas que se destruíron durante o exercicio 2020 no Estado español conta con menos de 50 traballadores no seu cadro de persoal, espérase que o maná do BCE chegue a tempo para salvar a situación. A esquerda de concertación -sindical e política- está aplaudindo coas orellas “o final da austeridade”. As grandes centrais sindicais, embriagadas desde hai décadas co discurso da competitividade, comungan ás cegas -da man da patronal- coa “nova” doutrina da Comisión Europea e esixen do Goberno que os fondos europeos de reconstrución se centren na dixitalización, a loita contra a mudanza climática, e a educación pola dixitalización, entre outros. Todo é novo e todo está por facer. Ummm... seguro?

 Todo isto ocorre, abofé, en aparencia. Isto non quere dicir que non estean a mudar cousas; hai que lembrar que as aparencias no capitalismo non son produto dunha falsa conciencia senón unha inversión efectiva da realidade: as categorías coas que o economista vulgar analiza a realidade: “non constitúen delirios sen fundamento ou erros calquera de coñecemento, senón que recollen o carácter cousificado, invertido, terxiversado da existencia real destas relacións de produción” (1). Por iso, o coñecemento como ciencia sería superfluo “se a forma de aparición e a esencia das cousas coincidisen inmediatamente” (2), e o problema do economista burgués sempre é que “o seu limitado cerebro non é capaz de separar a forma de aparición do que nela aparece” (3). Sería absurdo defender que nada mudou, e evidentemente conviría entender en que sentido o xeito de afrontar a actual crise por parte das elites europeas é distinta da anterior.

 Algúns autores defenden que as repercusións da pandemia da covid-19 modifican a relación capital-traballo asalariado de xeito irreversíbel, o que nos sitúa ante un duplo escenario: o inicio dunha fase posneoliberal de desenvolvemento capitalista ou a xénese dun proceso de transición cara a outro réxime de organización social (4). É dicir, están a mudar cousas. Mais é imprescindíbel ollar máis aló das aparencias para interpretar o que nos pode deparar o futuro. Que é o que hoxe está a aparecer en realidade baixo a forma aparente do que algúns denominaron “novo Plan Marshall” para Europa. Maná ou agasallo envelenado?

 Por pouco que afinemos un pouco a análise, as ofrendas desta Unión Europea cómpre recibilas como Virxilio na coñecida frase da Eneida, cando afirmaba ter medo aos gregos mesmo cando traían agasallos. Estamos ante o maior rescate de capital da historia do continente; e boa parte da esquerda está esperanzada, cando non, esperando que o prezado maná tamén lle caia a ela. Os riscos de que se afiancen os intereses das elites económicas e financeiras son case imparábeis, e poucas organizacións relevantes (hai excepcións dignas de gabanza) están a cuestionar estratexia e a pensar como afrontar a reestruturación capitalista que vén. Unha dinámica que se acentúa pola brevidade dos tempos de xestión dos fondos, e polas restricións na reflexión e o debate que impón o illamento social que sufrimos. Así pois, fai falta unha crítica ao plan.

 Mais, por se alguén está impaciente por saber quen é o asasino antes de chegar ao final, avanzo brevemente as conclusións:

(1) O paquete de axudas NGEU non servirá para salvar a inmensa maioría dos sectores económicos duramente afectados pola crise, nin tampouco o sector da economía social. Os fondos do NGEU poden parecer inxentes, pero tanto pola súa contía como pola súa direccionalidade e temporalidade son completamente insuficientes para deter a hemorraxia económica que sufrimos.

(2) Malia a heterodoxia que implica suspender temporalmente o pacto de estabilidade PEC e as normas da competencia, o NGEU non implica unha modificación relevante da política económica ortodoxa, e a recepción que o Goberno lle está a dar é aínda máis prudente e convencional que a que impón Bruxelas. Así, o paquete Next Generation non chegará a cambio de nada, senón cunha forte condicionalidade (afortalar a reforma laboral do PP, recortar o sistema de pensións...), e unha das institucións máis poderosas de Europa (o Bundesbank) xa dixo que mesmo as transferencias directas se deberían contar cos criterios de Maastricht.

(3) A dixitalización e a innovación, sempre sacralizadas e incomprendidas pola ortodoxia económica, (a) desde a lóxica do valor de uso, non comportarán máis benestar para a poboación e acentuarán un sistema de explotación extractivista de recursos naturais completamente incompatíbel coa presunta transición verde que se afirma perseguir e (b) desde a lóxica do valor (máis adiante explicaremos que significa isto, agora non hai que se preocupar), só acentuarán o proceso de contracción xeral da rendibilidade dun capitalismo que non está estancado por pouco produtivo, senón -precisamente- por selo demasiado. O NGEU é o envoltorio do enésimo intento de reactivación económica dos beneficios capitalistas a partir da privatización dunha cantidade inxente de recursos públicos. Un capitalismo de partenariados público-privados que lembra o corporativismo fascista.

(4) O Green New Deal, e o NGEU como a súa primeira materialización en Europa, está baseado nun mito: o da desmaterialización ou o desacoplamento, que sostén que a economía pode seguir crecendo e, asemade, reducir o consumo de enerxía e os impactos ambientais da produción. Un mito, como veremos, tecnooptimista e embriagado de eficiencia e innovación.

 O que segue é un primeiro artigo -de todo insuficiente- co que tentarei desenvolver estas catro ideas chave. Tratarei de o facer con vontade divulgativa, intentando non abusar da linguaxe críptica e escura que con demasiada frecuencia utilizan moitos economistas -e tamén activistas- para que penses que son máis intelixentes do que realmente son. Avante.

Que é o Next Generation EU?

 Comecemos con algúns datos fríos. O NGEU é un fondo de carácter temporal, adicional ao orzamento plurianual da Unión Europea (UE) para 2021-2027. En contraposición ao orzamento ordinario, que se financia mediante achegas dos Estados membros e algúns impostos comúns, o NGEU financiarase mediante a emisión de débeda nos mercados de capitais por parte da Comisión Europea (CE). Por se non sabes o que significa isto: a emisión de débeda é unha forma de financiamento que consiste na emisión de títulos financeiros que prometen un pagamento futuro a cambio dun prezo. Dito de xeito máis simple aínda: consiste en pedir prestado diñeiro a grandes fondos de capital -maioritariamente bancos- a cambio duns papeliños (títulos financeiros) que te comprometen a devolvelo.

 Facemos unha primeira paréntese aquí. O primeiro que tes que entender é que, efectivamente, isto supón unha novidade respecto do que viña sucedendo até o de agora. A emisión de débeda mutualízase por primeira vez: faise conxuntamente no ámbito da Unión Europea, e non só dos Estados. Isto pódese entender como un paso cara a unha maior integración fiscal da UE e, tamén, como unha eventual perda de soberanía dos Estados. En calquera caso, a mutualización da débeda do NGEU non supoñerá unha modificación substancial da capacidade de endebedamento do Estado español, que se neste momento é moi elevada -e permítelle mesmo facelo a xuros negativos- é porque o BCE estivo a gastar miles de millóns no mercado secundario de débeda: só no 2020, o BCE mercou 120.000 millóns de débeda española, o equivalente á emisión neta do país durante o mesmo ano.

 Seguimos cos datos. O importe máximo que pode emitir o NGEU ascenderá a 750.000 millóns de euros, entre os anos 2021 e 2026. Para o Estado español, nos próximos cinco anos, a cifra de investimentos a desembolsar podería superar o 3% do PIB anualmente, isto é, 140.000 millóns de euros. A cifra pode parecer estratosférica, mais non o é tanto se se compara coa caída do PIB pospandemia no Estado, e se se ten en conta que só se recibirán os fondos se se presentan suficientes proxectos, algo que todo o mundo admite que non está nada claro. Tampouco é excesivo se pensamos que, a finais do 2020, o BCE xa tiña 465.000 millóns de euros en bonos de débeda pública española. En calquera caso, un 42% do total dos fondos farase por transferencias directas aos Estados membros, un 10% será para programas paneuropeos e o 48% restante está previsto que se conceda a través de empréstitos bilaterais. A débeda emitida pola CE no marco deste fondo pagarase a partir do 2028 e ata o 2058; e contémplase, para poder devolvela, a posibilidade de dotar a Comisión Europea de novos recursos propios (a través, por exemplo, de novas figuras impositivas nos ámbitos dixital e ambiental).

 Segunda paréntese. Estase poñendo moita énfase no feito de que a metade dos fondos, no caso español, chegará como transferencias directas e non xerarán déficit, mais a cousa non está tan clara: no seu último informe mensual, os mandaríns do Bundesbank lanzaron a idea de aplicar os funestos parámetros de Maastricht sobre a débeda e o déficit tamén aos recursos que se distribuirán desde Bruxelas aos Estados membros co NGEU. Que quere dicir isto? Condicionalidade por todas as partes: con posterioridade á chegada dos fondos, en forma de consolidación fiscal (recortes) no momento -indeterminado aínda- que se levante a suspensión do PEC. E condicionalidade tamén antes de que cheguen os fondos, xa que, para os obteren, os Estados membros están obrigados a deseñar uns “plans de recuperación e resiliencia” que se deberán cinguir ás recomendacións específicas que a CE elabora para cada país no contexto do semestre europeo. Implicacións no caso español? Como mínimo, non reverter a reforma laboral do PP e practicar recortes no sistema de pensións, entre outras imposicións.

 Estamos ante unha repetición dun escenario ao Syriza, coa diferenza de que, no canto de ter unha esquerda política enfrontada ao proceso, témola vencida á compaixón europea sen entender absolutamente nada do que está en xogo, e embriagada por un pretendido cambio de rumbo da ortodoxia económica que, polo momento, non se ve por ningures.

 Como moi ben explicou Alfonso Pérez, hai que entender o NGEU como unha segunda rolda de axudas máis orientadas a transformar a estrutura produtiva que a deter a sangría económica en curso. Esta rolda chega despois do que foi unha primeira fase de rescate intensivo que o BCE canalizou a través do seu programa de compras de urxencia para a pandemia (PEPP); e observar a quen vai beneficiar, sobre todo, a primeira fase de rescate (de marzo a xullo do 2020) podería darnos pistas acerca dos quen poderían ser os receptores desta segunda fase de axudas: respecto ao programa de compras de bonos corporativos, realizáronse 256 compras só de marzo a xullo do 2020 destinadas a 139 empresas, entre as que están, no caso español, Iberdrola, CEPSA, ACS, Telefónica, Repsol, Ferrovial ou a Merlin Properties Socimi.

 Por se isto non é dabondo indicativo de cal pode ser a orientación da segunda fase de axudas a través do NGEU, unha ollada ao Real Decreto-lei 36/2020 aprobado a finais do pasado decembro é concluínte de vez. Como analizaron en El Salto, o decreto coincide moito coa proposta de contidos que fixo no seu día a patronal CEOE, elaborada por avogados de Cuatrecasas, Garrigues, Uría-Menéndez e PwC. Son os representantes das grandes empresas os quen estableceron as bases do reparto dos fondos.

Un novo Plan Marshall para Europa?

 Discutir a hipótese de que estamos ante un novo Plan Marshall é interesante en termos didácticos. É certo que os grandes grupos empresariais tamén foron os grandes beneficiarios; e que, durante a súa implementación, Europa viviu o período de máximo auxe económico da súa historia, cunhas taxas de crecemento do 5% anual de media. Efectivamente, de 1948 a 1952, a produción industrial incrementouse un 35%, e a produción agrícola excedeu en moito os niveis de antes da guerra, pero isto foi posíbel, sobre todo, pola destrución xeral do valor que supuxo a Segunda Guerra Mundial: o crecemento que viviu Europa durante os denominados “trinta gloriosos” foi produto da destrución masiva de capital instalado durante a guerra.

 Por outra banda, o benestar que acompañou este crecemento no continente foi o resultado dun pacto social redistributivo de posguerra nunha época de sindicatos e partidos comunistas en auxe e de forte presión da economía moral soviética. Este pacto traduciuse nunha forte regulación do que Karl Polanyi denominou “as tres mercadorías ficticias”, pola destrución económica, social e antropolóxica que implicaba a súa mercantilización: o traballo, o diñeiro e a terra. A suxeición do capital financeiro e do conxunto dos rendistas e unha forte regulación do mercado de traballo, plasmada en regulacións obreiras e o recoñecemento dos sindicatos como provedores monopolísticos da forza de traballo, foron chave no reparto dos froitos do crecemento de potguerra. E estes tres fenómenos foron moito máis importantes que as achegas monetarias ianquis a través do Plan Marshall. Hai que estar moi necesitado de horizontes posíbel para facer un paralelismo entre o mundo económico, institucional e político daquela e o de agora.

Unha carreira para aumentar a produtividade? Que produtividade?

 Díxose que a crise da covid-19 é exóxena á economía, un choque externo; e que, coa vacina e a reapertura económica estimulada por este rescate millonario, cómpre esperar unha rápida recuperación económica en forma de V. Iso si, dísenos tamén que, para que isto aconteza, é necesario que os investimentos se orienten e a sectores que poidan afortalar a denominada revolución 4.0, sumándose a unha onda dixitalizadora que se impón economicamente de forma acrílica e incuestionada. Máis adiante ocuparémonos do capitalismo verde, a outra gran aposta estratéxica tras o NGEU, mais primeiro deteñámonos a pescudar que se agocha tras tanta revolución tecnocientífica materializada nos fondos NGEU. Realmente confían os seus impulsores nesta reorientación estratéxica para abrir un período de crecemento e benestar? Podemos nós confiar niso?

 Se queremos entender que xustifica esta intensificación da dixitalización capitalista, hai que falar de produtividade; así que convén unha previa sobre este concepto, que, como ocorre con frecuencia, se enriquece enormemente se incorporamos as lentes da economía política marxista: non é o mesmo falar de produtividade na produción de valores de uso que de produtividade na produción de valor. É importante insistir nesta contradición principal do sistema económico que sufrimos. O capitalismo pode ser -e éo cada vez máis- hiperprodutivo na produción de valores de uso (bens e servizos) e, ao mesmo tempo, estar estancado na produción de valor (e, xa que logo, de beneficio). Que produtividade é a que preocupa aos economistas ortodoxos, aos investidores e ao BCE? A produtividade na produción de valor. Explico isto porque a calquera persoa razoábel lle parecerá contraditorio que, nun mundo crecentemente produtivo -no ámbito máis propio do sentido común, o dos valores de uso-, enfermo de sobreprodución, os economistas sigan a diagnosticar problemas xerais de produtividade que convén solucionar con aínda máis desenvolvemento tecnocientífico, robotización e dixitalización. Como acontece con frecuencia, calquera persoa razoábel ten máis razón que a maioría dos economistas. Ao capital como relación social élle relativamente indiferente o ámbito dos valores de uso (a condición de que exista unha demanda efectiva para consumilos), mais necesita revolucionar constantemente o ámbito da produtividade na produción de valor porque non persegue producir cousas senón beneficio. Dito con máis clareza: ao investidor pouco lle importa se inviste en bonos, manteiga ou canóns; o que quere é beneficio.

 E dito aínda doutro xeito: nun sistema mercantil capitalista, un aumento da produtividade material, que permite unha produción aumentada de valores de uso, toma a forma social específica dunha produción restrinxida de plusvalía, é dicir, de beneficio. Os problemas de rendibilidade dos investimentos non se deben ao feito de que o traballo sexa pouco produtivo, senón a que o é demasiado! Así de invertida e absurda é a realidade que propugnamos transformar.

 No capitalismo imponse esta lóxica produivista inevitabelmente, pero debería quedar claro xa neste momento que a aposta pola dixitalización e a revolución constante das forzas produtivas sería unha estupidez nun mundo racional. Polo menos, sería obxecto de debate. Cumpriría debater, por exemplo, se é sensato que os fondos do NGEU se destinen a robotizar o coidado das persoas maiores ou a dixitalizar a educación. Só un papaleisón -ou un homo economicus amoral como parece ser o 95% dos economistas- podería pensar que os retos no mundo do coidado nas residencias de anciáns ou no da educación poden solucionarse robotizando e dixitalizando aínda máis. As persoas necesitamos afecto e relacións sociais de calidade, non robots.

 Sexa como sexa, este é o camiño que está a seguir o capitalismo hoxe, e esta é unha das apostas estratéxicas do NGEU co obxectivo de saír do estancamento na única produtividade que lles importa, que ten valores baixos desde hai décadas. Mais é que nin só no obxectivo de recuperar camiños de crecemento e beneficio mediante o aumento da produtividade parece estar funcionando o proceso de dixitalización e robotización. Artous(5) demostra que “a substitución de traballo por capital debería comportar unha aceleración da produtividade do traballo, pero, contrariamente, está a ser máis lenta”. Este mesmo autor dá cunha das claves do denominado paradoxo de Solow que poden explicar o fenómeno: “As empresas non investiron o suficiente para compensar a aceleración da obsolescencia do capital, o cal explica o retroceso do aumento da produtividade”. Como di Husson nun artigo maxistral, cómpre investir moito, e con frecuencia o mesmo volume do investimento comporta aumentos de produtividade decrecentes: “o fluxo de innovacións tecnolóxicas non parece esgotarse, mais o que está en vías de se esgotar é a capacidade do capitalismo para incorporalas á súa lóxica”. Utilizando os termos do inimigo, poderíase dicir que hai unha produtividade marxinal decrecente da robotización.

 E no mundo real das clases populares, cales serán as consecuencias desta carreira desenfreada por dixitalizar máis e máis nun escenario de pandemia como o que vivimos? As ecolóxicas verémolas a seguir, mais as económicas poden ser devastadoras. En primeiro lugar, en canto a destrución de ocupación: segundo un estudo recente, 5,4 millóns de postos de traballo -só no comercio- estarían ameazados no ámbito europeo pola acción combinada da covid-19 e a robotización(6). A incerteza na efectiva dispoñibilidade da forza laboral por mor das restricións de mobilidade e a propia tendencia a aumentar a produtividade acentúan a tendencia dixitalizadora, aínda que a propia incerteza xeral que impón a pandemia está limitando os investimentos para a facer posíbel.

 En segundo lugar, máis dixitalización tamén é monopolización e concentración empresarial: un aumento da produtividade do traballo naqueles campos que consigan automatizarse e apropiarse de ganancias extraordinarias dá paso a unha maior concentración e centralización do capital. E é que, como escribe Marx, caída da taxa de ganancia e acumulación acelerada “só son diferentes expresións do mesmo proceso na medida en que ambas expresan o desenvolvemento da forza produtiva”(7). O NGEU é un gran estímulo público que fará que as grandes petroleiras, por exemplo, se poidan converter finalmente nas propietarias de todas as fontes de enerxía do noso tempo; ou que as grandes automobilísticas teñan suficiente fondo para intentar atopar a solución técnica aos seus problemas de sobreprodución e de adaptación ao pico do petróleo. Pero máis concentración empresarial implica a destrución do tecido produtivo maioritariamente pequeno (o catalán esfarélase en 627.000 empresas, das cales menos de 34.000 teñen máis de 10 persoas traballando) e máis orientación á exportación, o que implica desatender as necesidades endóxenas do territorio na medida en que é a capacidade de consumo atrofiada dunha poboación en paro e poder adquisitivo decrecente a que obriga as empresas a exportaren.

 En terceiro lugar, e sen poder tratalo en profundidade aquí, a dixitalización abre a porta a procesos de financeirización da nosa vida cotiá aínda máis profundos, e pode catalizar o proxecto da Unión de mercados de capitais: un proxecto político a grande escala para fortalecer e integrar aínda máis as finanzas baseadas no mercado. Trátase dunha iniciativa da Comisión Europea baixo a dirección de Jean-Claude Juncker, que teima en facer realidade un sistema financeiro no que os mercados de capitais poidan absorber aínda máis aforros dos cidadáns e teñan un papel máis importante nas finanzas corporativas, nunha aposta que de facto implica gobernar desde os mercados financeiros. Se ao negocio do mercado de capitais lle interesa que mesmo unha pequena empresa poida vender participacións a un golpe de clic co teléfono móbil, a dixitalización tal e como se está propugnando co NGEU se converte nunha estratexia indispensábel.

 Co Green New Deal que chega en forma de NGEU quérese -no marco dun capitalismo altamente competitivo- iniciar unha vía cara á sustentabilidade ecolóxica, cun apoio inxente do sector público e contando co sector privado como gran aliado. É a consolidación definitiva e a grande escala das colaboracións público-privadas (CPP). A utilización das CPP estendeuse como unha forma de privatización encuberta, co obxectivo de equilibrar os orzamentos mediante a ocultación do endebedamento.

 Pero máis aló da funesta forma de xestión das CPP, a gran contradición insalvábel que afronta o Green New Deal é física: non hai recursos materiais para facer a transición verde, e é imposíbel desacoplar o crecemento verde do consumo de materia e enerxía e da emisión de residuos. Un programa “verde” que non contemple o proceso de descarbonización da economía a partir de establecer relacións económicas de circuíto curto, baseadas en potentes programas de planificación económica orientados a garantir a cobertura das necesidades da maioría da poboación, non é máis que propaganda e extractivismo verde. Ademais, algúns autores sosteñen que unha transición ecolóxica desde a lóxica tecnofílica descrita no apartado anterior é imposíbel. E a crenza de que si que é posíbel baséase nunha ideoloxía que está causando estragos na nosa era: a do tecnooptimismo.

 Esta ideoloxía -que o atravesa todo, desde programas de televisión infumábeis até análises económicas ortodoxas- afirma que a ciencia e a tecnoloxía serán capaces de resolver calquera dos problemas existentes ou por producirse. Pero tal e como apuntan Ecologistas en Acción, “o sistema tecnocientífico ten límites: o primeiro é que xa se inventou o que era ‘doado’ de inventar. Os descubrimentos actuais requiren de investimentos temporais, materiais, enerxéticos, económicos e humanos cada vez maiores. Polo tanto, contra o que podería parecer, o ritmo de innovacións reais é cada vez menor”. Ademais, “un segundo problema é que a tecnoloxía se pode definir como coñecemento, materia e enerxía condensados, e os tres factores son limitados. Polo tanto, tamén o son as capacidades do sistema tecnocientífico”. Por se non fose dabondo, “o que se espera non é que haxa un avance xenérico, senón que se descubra xusto o que faga falta no momento preciso (fontes de enerxía que substitúan os combustíbeis fósiles ou solucións á mudanza climática) e que se poida implantar de forma inmediata a nivel mundial”.

Conclusións

 Certa esquerda desorientada quere soñar hoxe coa cuadratura do círculo: abrir un período de crecemento económico, como o posterior a 1945, mais sen ningún dos factores que o fixeron posíbel, nunha economía xa sobreprodutiva en valores de uso pero con enormes dificultades para xerar rendibilidade para os capitalistas, e que persegue aumentos de produtividade mediante un proceso de dixitalización que non pode ofrecelos. Contrariamente, o que si que semella presaxiarse é máis concentración empresarial -e, xa que logo, aínda máis poder político en mans das elites corporativas e financeiras-, máis paro e precariedade laboral, unha financeirización aínda máis profunda da nosa vida até os recunchos máis microeconómicos, a agudización da urxencia climática produto dun extractivismo inseparábel do capitalismo verde, e unha máis que segura austeridade cando se resucite o Plan de Estabilidade e Crecemento, que pode ser especialmente devastadora no caso do Estado español. Infelizmente, a esquerda non ten ningunha forza para impoñer unha axenda alternativa para os investimentos, e terá que se conformar coas migallas de consorciar algunhas cooperativas e cruzar os dedos esperando que chova café no campo.

 O capitalismo hoxe vive inmerso nunha crise altamente complexa: aos problemas de sobreprodución previos á pandemia súmanse agora todo tipo de choques de oferta e demanda, ruptura das cadeas de valor e graves fracturas metabólicas, como a crise enerxética e climática, que xeran un auxe migratorio que que vai ir a máis. A reorganización económica global baseouse, durante a última década, en soster un modelo con alta desigualdade social, desmantelamento do público, privatizacións e fiscalidade regresiva. Estamos ante esta enorme complexidade e este abano de problemáticas, e o programa NGEU só incentiva as contradicións e non soluciona ningunha, e estamos esperando o veleno con ilusión. É realmente desesperante.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

1 “La teoría de la apariencia en Marx y sus raíces kantianas”. Clara Ramas San Miguel. Araucaria. Revista Iberoamericana de Filosofía, Política, Humanidades y Relacións Internacionales, ano 22, nº 43. Primeiro semestre de 2020. Pp. 169-195. ISSN 1575-6823 e-ISSN 2340-2199 https://dx.doi.org/10.12795/araucaria.2020.i43.08

2 Marx, K., Das Kapital. Kritik der politischen Ökonomie. Terceiro Volume: Der Gesamtprozess der kapitalistischen Produktion, Marx-Engels Werke, Berlín. Do Instituto para o marxismo-leninismo do Comité Central da SED, 1956 ff., Bd. 25, p. 825.

3 Ibíd. páx. 894.

4 Foladori, Guillermo & Delgado Wise, Raúl. (2020). “Para comprender el impacto disruptivo de la COVID-19, un análisis desde la crítica de la economía política”. Migración y Desarrollo. 18. 139-156. https://doi.org/10.35533/myd.1834.gf.rdw

5 Artus, Patrick (2020) “Sur le ralentissement de la produtivité”, 25 de setembro e 1 de outubro; dispoñíbel en http://reparti.free.fr/artus10-2.pdf

6 Del Río-Chanona, R. Maria et al. (2020) “Supply and demand shocks in the COVID-19 pandemic: an industry and occupation perspective”, Oxford Review of Economic Policy, Vol. 36, Sup. 1; dispoñíbel en http://reparti.free.fr/rio-chanona20.pdf

7 Elementos fundamentales para la crítica de la economía política (Grundrisse) 1857-1858. 8 ed. México: Siglo XXI, 1980). Volume VI, pág. 309.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 28 de xaneiro de 2020]