Os grupos parlamentares trasladan o seu apoio á táboa reivindicativa do comité de XEAL
O comité de XEAL mantivo reunións nos últimos días con todos os grupos parlamentares galegos, cuxos representantes trasladaron o seu apoio á demanda dun Plan Industrial e de Viabilidade das Fábricas. As formacións políticas, explica o comité, tamén apoiaron a reclamación a respecto de que calquera nova autorización administrativa que implique incrementar a produción de electricidade ten que ir vinculada ao emprego, á actividade industrial e ao restabelecemento das condicións laborais.
O comité agarda que agora "os grupos parlamentares (especialmente o PPdeG pola súa maioría no Pazo do Hórreo e pola responsabilidade de goberno que ostenta) dean un paso en firme e insten a empresa e a Xunta de Galiza a respectar a legalidade". Cómpre lembrar que, mentres a produción de ferroaliaxes e o emprego nas fábricas de Cee e Dumbría foron recortadas ao mínimo, XEAL solicitou un incremento do aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e presentou un proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña, co obxectivo de aumentar a produción de electricidade.
Seguindo o calendario de mobilizacións aprobado, este xoves, 22 de setembro, está convocada concentración de 14:15 a 15:15h, na fábrica de Brens (Cee)
Pero calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a xeración de enerxía deberá estar condicionado ao cumprimento da lexislación aplicable en vigor (incluída a medioambiental), e ao cumprimento e acatamento pola empresa das cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Non obstante, o comité lamenta que a día de hoxe nin a Consellaría de Industria, nin a Consellaría de Medio Ambiente, nin Augas de Galiza, teñan contestado aínda á solicitude de reunión remitida para coñecer o estado dos expedientes dos proxectos presentados pola empresa. No caso da petición para aumentar o caudal ecolóxico do encoro de Sta. Uxía, o comité de XEAL xa presentou as correspondentes alegacións.
En canto á estación de bombeo no monte da Ruña, o comité dirixiuse ao pleno municipal do Concello de Mazaricos, que vén de aprobar unha moción a prol da táboa reivindicativa do persoal de XEAL. Un apoio que se suma ao compromiso por escrito do Goberno local de promover as xestións precisas coas partes. Pola contra, os Concellos de Dumbría e Cee aínda non se pronunciaron a respecto das táboa reivindicativa remitida polo comité.
Dada a gravidade da situación e falta de contestación e implicación activa por parte do Goberno galego, malia os reiterados chamamentos dos traballadores e traballadoras e de toda a comarca, o comité tamén solicitará unha reunión co presidente da Xunta para abordar as solicitudes da empresa e a falta de cumprimento das cláusulas concesionais.