A CIG-Industria e MAS alertan que, novamente, os estaleiros da ría de Ferrol queda sen o Plan Estratéxico e polo tanto, sen concretarse a continuidade no emprego, os investimentos fundamentais ou as garantías sobre a carga de traballo. Atribúen este bloqueo a “diferentes intereses alleos ao da ría de Ferrol, tanto sindicais como políticos”, así como á actuación da propia dirección da empresa pública.
Para máis gravidade, esta parálise prodúcese ás portas dunhas eleccións “que inevitabelmente provocarán un período de parálise na Administración, sexa cal sexa a cor do novo goberno”.
Critican a incapacidade do presidente da compañía para tomar a iniciativa e negociar coa representación do persoal o futuro das instalacións, algo que, alertan, “para a Ría de Ferrol, a pesar da bonanza actual, supón un golpe enorme”.
Investimentos básicos para o futuro
Infraestruturas como os novos diques —un elemento fundamental para garantir o futuro industrial da comarca— continúan sen contar sequera cun proxecto e cun estudo ambiental rematados e aprobados. “Non podemos permitir que esta actuación siga relegándose no tempo. Podemos ter a mellor bicicleta do mundo, pero de pouco serve se levamos a roda traseira picada”, comparan.
No relativo ao emprego segue sen haber garantías de continuidade nin compromisos claros. E en canto á carga de traballo lembran que nin as dúas fragatas máis, nin os portaeronaves están asinados, mentres Fene “continúa sen un proxecto de futuro claro e sen perspectivas de emprego e volve ser un centro discriminado dentro da empresa”.
A representación de ambos sindicatos no comité xa presentou no ano 2023 alegacións nas que se recollían todas estas demandas, ademais doutras medidas organizativas que necesariamente deberían acompañalas. “Este verán volvemos insistir no mesmo. Houbo ultimatos e présas en función de intereses que descoñecemos, pero nin houbo unha verdadeira negociación nin se deu resposta ás alegacións presentadas. Mentres tanto, a Presidencia anda enfrascada en facer trilerismo sindical nunha actuación que está prexudicando gravemente os intereses da ría de Ferrol”, denuncian.
Todo isto ocorre precisamente a poucos días de que se poña a flote a segunda fragata, cun adianto importante sobre a planificación inicialmente prevista, “resultado do esforzo, o compromiso e o traballo diario das traballadoras e dos traballadores, en especial a industria colaboradora”.
Por iso, para CIG-Industria Ferrol e MAS resulta difícil de entender que, tendo capacidade para cumprir e mesmo adiantar os programas en marcha, non exista a mesma determinación á hora de asegurar o futuro industrial, o emprego e os investimentos que necesita a ría de Ferrol. “Entendemos que, coa situación actual, o futuro da ría de Ferrol pode quedar gravemente comprometido por unha actuación irresponsable e pola ausencia de decisións fundamentais”.