Os Estados Unidos queren converter Taiwán na Ucraína do Leste

Vijay Prashad - 14 Feb 2023

O historial de Estados Unidos deixa claro que Washington pretende provocar a China e facer caso omiso da súa “liña vermella”. En Europa do Leste, unha formulación igualmente imprudente, isto é, a continua expansión da OTAN cara á fronteira rusa, conduciu ao estouro da guerra en Ucraína

 O 2 de febreiro de 2023, o presidente de Filipinas, Ferdinand Marcos Jr., reuniuse co secretario de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, no palacio de Malacañang, en Manila, onde acordaron ampliar a presenza militar estadounidense no país. Nunha declaración conxunta, ambos os gobernos acordaron “anunciar os seus plans para acelerar a plena aplicación do Acordo de Cooperación Reforzada en materia de Defensa (EDCA)” e “designar catro novas Localizacións Acordadas en zonas estratéxicas do país”. O EDCA, acordado en 2014, permite a Estados Unidos utilizar terreos en Filipinas para as súas actividades militares. Propúxose case un cuarto de século despois de que as tropas estadounidenses desaloxasen as súas bases en Filipinas —incluída unha enorme base na baía de Subic— durante o colapso da URSS.

 Naquela época, Estados Unidos operaba co suposto de que triunfara e xa non necesitaba a ampla estrutura de bases militares que construíra durante a Guerra Fría. A partir da década de 1990, Estados Unidos creou un novo tipo de presenza global integrando os exércitos dos países aliados como forzas subordinadas ao control militar estadounidense e construíndo bases máis pequenas para crear un alcance moito maior para o seu poder aéreo tecnoloxicamente superior. Nos últimos anos, os EUA enfrontáronse á realidade de que o seu aparente poder exclusivo está a ser desafiado economicamente por varios países, como China. Para enfrontar estes desafíos, os EUA comezaron a reconstruír a estrutura das súas forzas militares a través dos seus aliados, e con máis destas estruturas de bases, máis pequenas pero non menos letais. É probábel que tres das catro novas bases en Filipinas estean na illa de Luzón, ao norte do arquipélago, o que situaría o exército estadounidense a unha distancia de ataque de Taiwán.

 Durante os últimos quince anos, Estados Unidos presionou sobre os seus aliados —incluídos os da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)— para que reforcen o seu poder militar, á vez que aumentou o seu poder e alcance tecno-militar mediante o estabelecemento de bases máis pequenas en todo o mundo e a produción de novos avións e barcos con maior alcance territorial. Esta forza militar utilizouse nunha serie de accións provocadoras contra quen percibe como ameazas á súa hexemonía, con dous países chave, China e Rusia, enfrontados ao afiado gume da espada estadounidense. Nos dous extremos de Eurasia, Estados Unidos comezou a provocar a Rusia a través de Ucraína e a China a través de Taiwán. As provocacións sobre Ucraína desembocaron agora nunha guerra que dura xa un ano, mentres que as novas bases estadounidenses en Filipinas forman parte dunha escalada contra China, utilizando Taiwán como campo de batalla.

 Nos últimos anos, Taiwán converteuse nun foco de tensións entre Estados Unidos e China. A gravidade da situación púxose de manifesto recentemente, o 21 de decembro, cando avións militares estadounidenses e chineses se achegaron a menos de tres metros o un do outro sobre o Mar de China Meridional.

 Na raíz deste conflito latente están as diferentes perspectivas dos países sobre a soberanía de Taiwán. A postura chinesa, coñecida como o principio de “unha soa China”, é firme: aínda que o continente e Taiwán teñen sistemas políticos diferentes, forman parte do mesmo país, cuxa soberanía reside en Pequín. Entrementres, a postura dos Estados Unidos respecto de Taiwán é moito menos clara. A pesar de adoptar formalmente a política de “unha soa China”, os EUA manteñen amplas relacións “non oficiais” e lazos militares con Taiwán. De feito, en virtude da Lei de Relacións con Taiwán de 1979, Washington debe fornecer armas “de carácter defensivo” á illa.

 Estados Unidos xustifica os seus vínculos con Taiwán alegando que son necesarios para manter a “democracia” e a “liberdade” da illa. Pero, até que punto son válidas estas afirmacións?

Unha posición para exercer influencia

 Para comprender a importancia xeopolítica contemporánea de Taiwán, é necesario examinar a historia da Guerra Fría. Antes da Revolución China de 1949, China estaba inmersa nunha guerra civil entre comunistas e nacionalistas ou Kuomintang (KMT). Este último recibiu miles de millóns de dólares en apoio militar e económico de Washington. A revolución conduciu á creación da República Popular China (RPC) no continente, mentres que as forzas derrotadas do KMT fuxiron á illa de Taiwán, que volvera á soberanía chinesa catro anos antes, en 1945, tras cincuenta anos de dominio colonial xaponés. Desde Taipei, o KMT declarou que era o lexítimo goberno no exilio de toda China baixo o nome de República de China (ROC) —fundada orixinalmente en 1912—, rexeitando así a lexitimidade da RPC.

 Pouco despois, o exército estadounidense creou o Comando de Defensa de Taiwán en 1955, despregou armas nucleares na illa e ocupouna con miles de soldados estadounidenses até 1979. Lonxe de protexer a “democracia” ou a “liberdade” en Taiwán, Estados Unidos apoiou o KMT no estabelecemento dunha ditadura, que incluíu un período consecutivo de 38 anos de lei marcial, de 1949 a 1987. Durante esta época, coñecida como o “Terror Branco”, as autoridades taiwanesas estiman que entre 140.000 e 200.000 persoas foron encarceradas ou torturadas, e entre 3.000 e 4.000 foron executadas polo KMT. Washington aceptou esta brutal represión porque Taiwán representaba unha posición útil —situada a só 160 quilómetros da costa sueste de China continental— para presionar e illar Beijing da comunidade internacional.

 Entre 1949 e 1971, Estados Unidos conseguiu excluír a República Popular China das Nacións Unidas argumentando que a administración da República de China en Taiwán era o único goberno lexítimo de toda China. É importante sinalar que, durante esta época, nin Taipei nin Washington sostiñan que a illa estivese separada de China, unha narrativa que hoxe en día se utiliza para alegar a “independencia” de Taiwán. Con todo, estes esforzos foron finalmente derrotados en 1971, cando a Asemblea Xeral da ONU votou a favor de expulsar a ROC e recoñecer á RPC como único representante lexítimo de China. A finais desa década, en 1979, os Estados Unidos normalizaron finalmente as súas relacións coa RPC, adoptou a política de “unha soa China” e puxo fin ás súas relacións diplomáticas formais coa ROC en Taiwán.

Para a paz en Taiwán, debe terminar a interferencia estadounidense

 Na actualidade, a comunidade internacional adoptou de forma esmagadora a política dunha soa China, e só 13 dos 193 Estados membros da ONU recoñecen a ROC en Taiwán. Porén, debido ás continuas provocacións de Estados Unidos en alianza coas forzas separatistas de Taiwán, a illa segue sendo fonte de tensións e conflitos internacionais.

 Os Estados Unidos manteñen estreitos vínculos militares con Taiwán a través da venda de armas, adestramento militar, asesores e persoal na illa, ademais de navegar repetidamente con buques de guerra polo estreito de Taiwán, que separa a illa do continente. En 2022, Washington prometeu 10.000 millóns de dólares en axuda militar a Taiwán. Entrementres, delegacións do Congreso estadounidense viaxan periodicamente a Taipei, lexitimando nocións de separatismo, como a polémica visita da ex presidenta da Cámara de Representantes estadounidense, Nancy Pelosi, en agosto de 2022.

 Aceptaría Estados Unidos ou calquera outro país occidental unha situación na que China proporcionase axuda militar, estacionase tropas e ofrecese apoio diplomático a forzas separatistas en parte do seu territorio internacionalmente recoñecido? A resposta, por suposto, é non.

 En novembro, na cimeira do G20 celebrada en Indonesia, o presidente chinés Xi Jinping e o presidente estadounidense Joe Biden mantiveron a súa primeira reunión en persoa desde que Biden foi elixido presidente. Na reunión, Xi reiterou enerxicamente a postura de China sobre Taiwán, dicindo a Biden que: “a cuestión de Taiwán está no centro mesmo dos intereses fundamentais de China, é a pedra angular dos alicerces políticos das relacións sino-estadounidenses e é a primeira liña vermella que non se debe cruzar”. Aínda que Biden respondeu afirmando que Estados Unidos se adhire á política de “unha soa China” e que “non busca o conflito”, só uns meses antes afirmou nunha entrevista televisada que as tropas estadounidenses intervirían militarmente para “defender a Taiwán”, se fose necesario.

 O historial de Estados Unidos deixa claro que Washington pretende provocar a China e facer caso omiso da súa “liña vermella”. En Europa do Leste, unha formulación igualmente imprudente, isto é, a continua expansión da OTAN cara á fronteira rusa, conduciu ao estouro da guerra en Ucraína. Como declararon as forzas progresistas de Taiwán, “para manter a paz no estreito de Taiwán e evitar a posibilidade da guerra, é necesario pór fin á interferencia estadounidense”.

 O 31 de xaneiro, o Papa Francisco oficiou unha misa na República Democrática do Congo (RDC) coa asistencia dun millón de persoas, onde declarou que “a explotación política deu paso a un ‘colonialismo económico’ igualmente escravizante”. África, dixo o Papa, “non é unha mina que hai que explotar nin un terreo que hai que saquear. Mans fóra de África!”. Esa mesma semana, Estados Unidos e Filipinas, facendo caso omiso da declaración do Papa, acordaron construír novas bases militares, completando así o cerco de bases aliadas dos EUa ao redor de China e intensificando a agresión estadounidense contra o país.

 O berro do Papa ben podería ser “Mans fóra do mundo!”. Isto significa, por suposto, non a unha nova Guerra Fría, nin a máis provocacións.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 9 de febreiro de 2023]