Os Estados Unidos e o Reino Unido están detrás da traxedia e xenocidio do pobo palestino

Saurav Sarkar - 31 Out 2023

Aínda que as causas inmediatas do apartheid, a ocupación e o xenocidio israelís claramente son responsabilidade de Israel e do seu principal patrocinador, os Estados Unidos, o Reino Unido ten unha responsabilidade especial de corrixir os seus pecados históricos en Palestina e en todas as partes

Actualmente, as bandeiras israelís ondean sobre todos os edificios gobernamentais do Reino Unido, mais esta non é a primeira vez que a ex hexemonía imperial apoia o sionismo. En 1917, o goberno británico emitiu a infame Declaración Balfour.

 Este breve documento (67 palabras) foi un punto de inflexión na historia palestina moderna. Comprometeu a Gran Bretaña a estabelecer un “fogar nacional” para o pobo xudeu en Palestina (a linguaxe inicial prometía un “estado xudeu”, pero foi cambiado máis tarde). A Declaración Balfour contiña unha linguaxe destinada a salvagardar os palestinos, pero vimos como se desenvolveu iso no século seguinte.

 Desde a Primeira Guerra Mundial até 1948, os británicos gobernaron Palestina, a meirande parte dese tempo baixo un mandato emitido pola Sociedade de Nacións. A poboación de colonos xudeus en Palestina aumentou ao longo destas décadas (particularmente na década de 1930) a medida que o goberno británico fomentou a súa inmigración. En 1922, só o 11 por cento da poboación da rexión era xudía. En 1931, a cifra ascendía a un 17 por cento. En 1939, era case o 30 por cento.

 Nese momento, o goberno británico buscou limitar calquera expansión adicional da poboación xudía para garantir a estabilidade na rexión. Pero para daquela xa era demasiado tarde: os feitos sobre o terreo cambiaran. O que fora unha rexión que era case 90 por cento palestina converteuse nunha terra en disputa entre dous grupos demograficamente numerosos.

 Ademais, os británicos confiscaran terras aos palestinos para llas entregar ao pobo xudeu e reprimiran violentamente o incipiente nacionalismo palestino. E na década de 1930, unha comisión do goberno británico recomendou a partición de Palestina, sentando as bases para a errada “solución de dous Estados”.

 Noutras palabras, este conflito é produto de políticas imperiais específicas que se practicaron na primeira metade do século XX para fomentar un proxecto colonial. A “cuestión xudía” –a incapacidade desde hai tempo de Europa para abordar adecuadamente o seu propio antisemitismo– foi convertida no problema sionista dos palestinos polo Imperio Británico.

 Un dos métodos chave adoptados por eles ao longo dos séculos e unha colección global de provincias foi estudar a historia social dos seus súbditos para xestionar a política e enfrontar a diferentes grupos entre si.

 O apoio á migración xudía a Palestina desencadeou o resentimento e a mobilización dos palestinos indíxenas, o que finalmente levou á Gran Revolta de 1936-1939. A revolta, que incluíu unha folga xeral e un levantamento campesiño, foi reprimida violentamente polo goberno británico en colaboración cos paramilitares sionistas. Con todo, despois da revolta, os británicos comezaron a limitar unha maior inmigración xudía á rexión, volvéndose contra o grupo que apoiaran para protexer os seus intereses imperiais. Isto provocou violentos ataques por parte dos sionistas en Palestina.

 Palestina non está soa neste destino. Nunha rexión tras outra, os británicos utilizaron estratexias de “divide e vencerás” para enfrontar a un pobo contra outro en beneficio do imperio. Na India británica, impulsaron a división entre hindús e musulmáns, favorecendo ás veces a unha poboación e outras á outra. En Chipre, enfrontaron os gregos contra os turcos. En Sri Lanka, foron os támiles contra os cingaleses. En Irlanda, foron os católicos contra os protestantes. A listaxe continúa.

 En todos estes lugares, a política supostamente “antiga” de conflito intergrupal persistiu máis aló da posta do sol sobre o Imperio Británico. Houbo divisións territoriais baseadas na orixe étnica e/ou a relixión. A India británica converteuse na India e Paquistán. Logo, Paquistán  subdividiuse en Paquistán e Bangladesh. Irlanda dividiuse na República de Irlanda e a Irlanda do Norte do Reino Unido. Chipre está dividido en dous e o seu status legal aínda está sen resolver.

 En Sri Lanka, dominada polos cingaleses, librouse unha guerra civil de 30 anos para estabelecer un Estado támil, que terminou en 2009 de maneira similar ao que estamos a presenciar hoxe en Gaza. E en 1948, Palestina foi dividida formalmente, estabelecendo un Estado sionista e o que debía ser palestino, coa bendición dos antigos gobernantes británicos que supervisaron o comezo da Nakba.

 Cada un destes lugares estivo marcado por conflitos violentos baseados ​​en odios “antigos” que se remontan aos últimos un ou dous séculos. É esta coincidencia a que estabelece firmemente que as políticas do Imperio Británico son a causa fundamental da violencia nestas rexións; simplemente hai demasiados casos nos que estes conflitos se remontan ao imperio como para imaxinar unha coincidencia.

 Aínda que as causas inmediatas do apartheid, a ocupación e o xenocidio israelís claramente son responsabilidade de Israel e do seu principal patrocinador, os Estados Unidos, o Reino Unido ten unha responsabilidade especial de corrixir os seus pecados históricos en Palestina e en todas as partes. Un primeiro paso mínimo sería traballar para deter o xenocidio actual en lugar de ondear unha bandeira israelí. Mais isto –e moito menos as reparacións– non parece estar enriba mesa.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 27 de outubro de 2023]