
Os Estados Unidos e Europa: entre a cooperación e a competencia

A Unión Europea reproduce a lóxica imperialista, do mesmo xeito que os EUA, tanto dentro do bloque como fóra del. De igual maneira, comparte o seu actual obxectivo xeopolítico ante o auxe dun mundo multipolar que rompe coas dinámicas de dominación
Dicía Lenin sobre o debate da posíbel creación dos "Estados Unidos de Europa", que estes serían imposíbeis ou reaccionarios, unha predición que ecoa na evolución do capitalismo internacionalizado e nos conflitos abertos entre as potencias imperialistas.
Ao longo do século XX e até a actualidade, a relación entre os Estados Unidos (EUA) e Europa foi unha mestura de cooperación e competencia. Aínda que actuaron como aliados dentro do bloque atlantista, os seus intereses económicos e xeopolíticos chocaron en múltiples ocasións.
O xurdimento da Comunidade Económica Europea (CEE), e posteriormente da Unión Europea (UE), foi unha resposta á perda de influencia das economías no vello continente tras a Segunda Guerra Mundial.
Cos EUA consolidados como a principal potencia imperialista, a UE configurouse como un bloque económico que buscaba fortalecer a súa posición no mercado mundial. Con todo, esta relación estivo marcada por tensións estruturais que se manifestaron na política monetaria, as estratexias de expansión económica e as intervencións militares.
Un dos exemplos máis claros deste enfrontamento entre "aliados" foi a crise de Iraq, en 2003. A decisión de Sadam Hussein de aceptar o euro como divisa no programa 'Petróleo por Alimentos' representou unha ameaza para a hexemonía do dólar. O temor dos EUA a que outros países seguisen o mesmo camiño foi un dos elementos que influíron para a invasión ilegal de Iraq polas forzas estadounidenses, a pesar da lóxica oposición de potencias europeas como Francia ou Alemaña.
Algo similar ocorreu cando os EUA decidiron, en 2018, saír unilateralmente do Acordo Nuclear con Irán, asinado en 2015. Tras a subscrición do Acordo, moitas empresas europeas, sobre todo de Francia e Alemaña, empezaron a investir en Irán. Empresas como Total (enerxía), Airbus (aeronáutica) e Renault (automóbiles) viron unha oportunidade de expansión no mercado persa. Porén, a retirada unilateral durante a primeira lexislatura de Donald Trump veu acompañada de sancións que implicaban que calquera compañía que fixese negocios en Irán sería excluída do circuíto financeiro estadounidense. O temor ás represalias por parte dos EUA forzou a estas compañías a abandonar os seus investimentos no país.
Cómpre salientar que, aínda que Joe Biden levaba no seu programa electoral a volta ao Acordo nuclear, isto nunca se produciu, o que demostra, unha vez máis, que as políticas implementadas tanto polos presidentes republicanos como polos demócratas, en última instancia, sempre corresponden a unha estratexia compartida que se reflicte nunha política complementaria e de continuidade.
A Unión Europea tentou salvar o pacto desenvolvendo INSTEX (Instrument in Support of Trade Exchanges), un sistema financeiro alternativo que evitaba a intermediación do dólar e os bancos estadounidenses; con todo, a falta de respaldo político e empresarial en Europa, a presión dos EUA e a exclusión do sector enerxético, supuxeron o fracaso practicamente total deste mecanismo.
Paradoxalmente, non ocorreu do mesmo xeito cos outros asinantes do Acordo Nuclear. Mentres que a UE fracasou nos seus obxectivos, China e Rusia lograron sortear as sancións estadounidenses mediante o uso de moedas alternativas, intermediarios comerciais e acordos estratéxicos. Esta cuestión que demostrou que, a pesar de que os EUA manteñen un gran poder na economía a nivel internacional, este dominio non é absoluto.
De feito, a imposición de medidas coercitivas unilaterais está a servir tamén como un incentivo para acelerar o desenvolvemento de estruturas fóra do control do dólar, como o uso de moedas alternativas (por exemplo, o iuan como moeda de intercambio en países da OPEP+); a implementación de sistemas alternativos ao SWIFT, como o CIPS de China ou o SPFS de Rusia; e o aumento de acordos bilaterais de compensación como os estabelecidos entre A India e Irán.
Aínda que poderiamos incluír moitos outros exemplos destes escenarios de conflito —como a saída unilateral estadounidense en Afganistán ou o Acordo AUKUS, que mesmo supuxo unha crise diplomática entre París e Washington— hai dous escenarios fundamentais, que ademais volven estar de actualidade, e que fan que recrúe a relación contraditoria entre estas potencias: a guerra comercial e os aranceis implementados polos EUA en Europa e todo o que rodea o conflito en Ucraína.
Os discursos contra a migración ou supremacistas serven para xustificar intervencións noutros países e a marxinalidade da man de obra dentro das fronteiras europeas, reforzando o neocolonialismo e asegurando o ciclo de espolio.
Desde as negociacións de paz á marxe de Europa desenvolvidas recentemente por Trump até as consecuencias da ruptura comercial con Rusia para a economía europea, pasando pola voadura do Nord Stream que, segundo a profunda investigación do recoñecido xornalista estadounidense Seymour Hersh, foi perpetrada por Washington en alianza con Noruega e suporía un paso máis nas "hostilidades", a pregunta máis pertinente neste momento é por que, a pesar de todo, se mantén a alianza entre os EUA e Europa.
Nese sentido, debemos ser conscientes de que a integración europea non foi impulsada como unha alianza dos pobos, senón como reflexo da necesidade do capital europeo de se fortalecer ante o dominio estadounidense e a posíbel competencia doutras potencias. Ademais, o mercado común e a moeda única permitiron consolidar o control do capital financeiro europeo sobre os países periféricos da UE, especialmente no Leste e o Sur.
Á súa vez, este proxecto agocha unha forma de enfrontar os procesos de descolonización con novas formas de dominación encuberta sobre as excolonias. Un dos escenarios onde se manifesta de forma máis evidente é na política migratoria, que converte países como Marrocos, Turquía e no seu momento Libia, nun cinto que permite regular o fluxo migratorio de man de obra barata, só co fin de soster a economía capitalista europea.
Por ese motivo, os discursos contra a migración ou supremacistas, como o do 'xardín' de Josep Borrell, serven para xustificar intervencións noutros países ou a marxinalidade desta man de obra dentro das fronteiras europeas, reforzando o neocolonialismo e asegurando o ciclo de espolio do que os grandes capitais destas potencias se benefician.
A Unión Europea reproduce a lóxica imperialista, do mesmo xeito que os EUA, tanto dentro do bloque como fóra del. De igual maneira, comparte o seu actual obxectivo xeopolítico ante o auxe dun mundo multipolar que rompe coas dinámicas de dominación.
A solución a este escenario pasa non só pola agudización das contradicións no plano internacional, nin pola crecente competencia entre os aliados atlantistas, senón tamén polo máis que necesario impulso da loita de clases a nivel interno. Mentres os 'donos' destes Estados (tanto en Europa como nos EUA) sigan sendo o gran capital e os seus intereses, imos cara á perda de dereitos, a guerra e a incoherencia con consecuencias impredicíbeis.
[Artigo tirado do sitio web Actualidad RT, do 20 de febreiro de 2025]