Os despedimentos por ERE aumentaron máis do 200% en Ourense en 2015
Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense indican que mentres o aumento dos despedimentos foi considerábel neste período, o número total de ERE (despedimentos, suspensión, redución de xornada) baixou de 72 a 30. A maior diminución produciuse nos de redución de xornada.
Por sectores, a industria foi a que rexistrou o maior número de traballadores/as afectados/as o ano pasado (os ERE pasaron de 14 a 144, o que supón un incremento do 928,57 %). Pola contra, na construción non houbo ningún despido colectivo neste período.
O secretario comarcal da CIG-Ourense, Etelvino Blanco, considera que este elevado número de despidos é consecuencia da reforma laboral aprobada polo Goberno do PP que facilitou os despedimentos coa nova regulación legal dos ERE para beneficiar os empresarios/as “xa que os utilizan como un instrumento para levar a cabo despidos masivos e baratos e non como unha medida para afrontar unha situación conxuntural”.