Os desafíos do mundo do traballo

Simona Violetta Yagenova - 06 Ago 2020

As secuelas da actual crise sobre a clase traballadora serán fondas e duradeiras. A crise permitirá que as elites globais consoliden a súa dominación de clase, e reconfiguren o mundo do traballo en función das novas modalidades de acumulación, acelerando as transformacións derivadas da cuarta revolución tecnolóxica que xa se viñan desenvolvendo globalmente

 O estourido da pandemia Covid-19 constitúe se cadra un dos acontecementos máis importantes das últimas décadas, porque agudiza as contradicións sistémicas nun período histórico, de seu, marcado por múltiplas crises e unha transición intrasistémica global, marco no cal se desprega unha profunda disputa polo control-dominio da humanidade, dos bens naturais, os recursos estratéxicos, e no que a reprodución da vida como tal, nas súas distintas dimensións, está ameazada. A capacidade destrutiva do capital, que florece con base na pauperización das masas, a mercantilización de todas as formas de vida, o espolio ampliado e continuado, así como as distintas modalidades de guerra, expándese e íspese.

 A extrema vulnerabilidade en que está a clase traballadora na maioría dos países do mundo ante a crise, desatada pola pandemia, só se pode comprender a partir da brutal ofensiva que enfrontou o traballo por parte do capital durante as últimas catro décadas. O incremento do desemprego estrutural, o subemprego, traballo precario e autoemprego, o debilitamento dos sistemas estatais de protección social, a perda de dereitos conquistados por parte dos traballadores/as contribuíron ao crecemento da desigualdade, empobrecemento, a indefensión ante situacións de crises, migracións masivas e desprazamentos forzosos, e o que un número cada vez máis elevado de persoas non logran satisfacer as súas necesidades básicas, padecen de fame ou están en situación de vivir na rúa, que xa existían previo á Covid19, agudizaranse dramaticamente.

 O mundo do traballo está enfrontando unha crise sen precedentes, tal como revelan os datos da OIT. O 81% da forza de traballo mundial, foi atinxida polo peche parcial ou total das actividades económicas (OIT, 2020c; OIT 2020 a) e rexistrouse unha perda de 305 millóns de empregos durante o segundo trimestre deste ano. 1250 millóns de traballadores, isto é, o 38 por cento da poboación activa mundial, están empregados en sectores que hoxe afrontan unha grave caída da produción e un alto risco de desprazamento da forza de traballo. Dos 2.000 millóns que se desempeñan na economía informal, 1.600 millóns enfrontan ameazas directas á súa subsistencia diaria, rexistrándose unha contracción do 60% do ingreso medio durante o primeiro mes da pandemia.

Táboa nº 1. Os traballadores en situación de risco, a informalidade e a protección social

 

% emprego en situación de risco

Taxa de informalidade en actividades non agrícolas

Protección social

Mundo

37.5

50.5

45.2

África

26.4

71.9

17.8

Américas

43.2

36.1

67.6

Estados Árabes

33.2

63.9

SD

Asia e o Pacífico

37.9

59.2

38.9

Europa e Asia Central

42.1

20.9

84.1

Fonte: OIT 2020d, pax. 5

  En particular situación de indefensión quedaron os traballadores migrantes; atrapados entre fronteiras, pechados en centros de detención ou campamentos de traballo, en corentena obrigatoria, sen permiso para poder saír para o seu fogar ou país de orixe, enfrontando a xenofobia e a estigmatización, moitos dos cales quedaron sen traballo, sen recursos económicos e carecen de protección social ou apoios necesarios, con altos riscos de contaxio.

Un panorama dramático

 O mundo laboral enfronta un panorama dramático, sumando a millóns na pobreza e extrema pobreza, con significativas perdas de ingresos, patrimonios familiares, tendo que enfrontar débedas impagábeis, e poucas expectativas de se poder empregar a curto prazo. En diferentes países do mundo, incluíndo Estados Unidos, millóns de persoas víronse obrigadas a facer colas para recibir doazóns de alimentos e así evitar morrer de fame. O Programa Mundial de Alimentos (PMA) advirte que a Covid19 duplicará o número de persoas que sofren fame, chegando a 50 millóns para finais do 2020, o que cualifica como unha “catástrofe humanitaria”.

 Aínda que algúns sectores da economía recuperarán lentamente as súas actividades produtivas na medida en que se logre controlar a pandemia, existe unha gran incerteza sobre cantas fontes de traballo se van perder definitivamente e, polo tanto, que porcentaxe da clase traballadora global quedará excluída permanentemente do mercado laboral formal.

 A densa, complexa e escura estrutura de poderes globais que se configurou a raíz da globalización neoliberal, mobiliza as súas forzas na actual conxuntura para blindar o sistema, mediante medidas económicas, que buscan evitar o colapso da economía mundial e poder reestruturar intencionalmente mediante unha implosión controlada, aqueles aspectos causantes da crise estrutural do sistema capitalista global. Só así se pode entender a semellanza das políticas socioeconómicas de 2urxencia” que se aplican nos diferentes continentes, o belixerante rexurdir das desacreditadas IFI (BM, FMI, etc.), a imposición dunha narrativa explicativa que invisibiliza as causas da crise, lexitima os centros hexemónicos de poder e xustifica as profundas afectacións xeradas sobre o mundo do traballo.

 As secuelas da actual crise sobre a clase traballadora serán fondas e duradeiras. A crise permitirá que as elites globais consoliden a súa dominación de clase, e reconfiguren o mundo do traballo en función das novas modalidades de acumulación, acelerando as transformacións derivadas da cuarta revolución tecnolóxica que xa se viñan desenvolvendo globalmente.

 Segundo proxeccións do Foro Económico Mundial (2019), o 65% dos nenos que hoxe entran na primaria, terminarán traballando en tipos de empregos que aínda non se crearon. A incorporación da intelixencia artificial, a robótica, a big data nos procesos produtivos desprazará a millóns de traballadoras do mercado laboral, mentres que a competencia por postos de traballo no mundo dixital, vía teletraballos cada vez máis especializados, se intensificará globalmente.

 McKinsey publicou un estudo no 2017, en que se prevía que “o 55% dos empregos xaponeses, o 46% dos estadounidenses e o 46% dos das cinco maiores economías europeas desaparecerán debido á informatización do traballo para 2030” (Mckinsey Global Institute (2017). O máis recente e conservador é o publicado pola OCDE en abril de 2019, no que a informatización e a robotización farían desaparecer o 14% dos empregos nun prazo de 20 anos (OECD, 2019). Os principais sectores de emprego cunha probabilidade do 50 ao 70% de ser automatizados son os que a OCDE define como "medianamente cualificados", "cuxa natureza rutineira fai que sexa relativamente fácil codificalos nun conxunto de instrucións que unha máquina pode realizar". Noutras palabras, os traballadores cualificados, operadores de máquinas, traballadores de liñas de montaxe ou empregados que realizan tarefas administrativas rutineiras. (Chesnais, 2020).

Actuación coordinada

 O mundo do traballo nas súas distintas dimensións está sendo abalado estruturalmente, o que repercutirá nas posibilidades de ascenso social, identidades, tendencias migratorias, prácticas sociopolíticas, tipos de organización, debates ideolóxicos e métodos de loita.

 A clase traballadora, as forzas democráticas, populares e de esquerda globais enfrontarán enormes desafíos nos tempos vindeiros, que esixen unha actuación coordinada no ámbito global, rexional, nacional e local, non soamente na defensa dos dereitos conquistados, senón na liña de forxar consensos que permitan construír sinerxías para potenciar a desconexión individual e colectiva dos mecanismos reprodutores deste sistema, sexan no ámbito ideolóxico, político, económico ou sociocultural, subvertendo a hexemonía dominante nun permanente proceso de de-construción do existente e re-construción verbo das alternativas sistémicas.

 Hoxe, máis que nunca, son necesarias as transformacións radicais sistémicas, o que implica confrontar criticamente o reformismo burgués que unha, e outra vez, permitiu que as clases dominantes reconfiguren e actualicen o seu sistema de dominación. Para o mundo do traballo, saír da lóxica e do dominio do capital, constitúe unha necesidade histórica.

_______________________________________________________________________________________

Bibliografía

Chesnais, Francois, (2020) Situación de la Economía mundial al principio de la gran recesión Covid 19: referencias históricas,análisis y gráficoshttps://bit.ly/3egcgay

Mckinsey Global Institute (2017) https://mck.co/2CmpVyF

OECD, (2019) The future of work, abril https://bit.ly/313xqoC

OIT (2020a) La Covid19 y el Mundo del Trabajo, Nota conceptual para la Cumbre global 1.3 e 7.9 xullo 2020; https://bit.ly/3fP9WrD

OIT (2020b) Observatorio da OIT: El Covid19 y el Mundo del Trabajo; cuarta edición, 27 maio 2020, https://www.ilo.org/wcmsp5/groups/public/@dgreports/@dcomm/documents/briefingnote/wcms_745965.pdf 26

OIT (2020c) Observatorio da OIT: El Covid19 y el Mundo del Trabajo; terceira edición, 29 de abril 2020, https://bit.ly/37LLXXr

OIT (2020d) El COVID-19 y el Mundo del Trabajo. Segunda edición https://bit.ly/3ewKCpK

World Economic Forum (2019) Strategies for the New Economy Skills as the Currency of the Labour Market, https://www.weforum.org/whitepapers/strategies-for-the-new-economy-skill...

World Food Programme (2020) Covid19 will double number of people facing food crisis unless swift action is taken: https://www.wfp.org/news/covid-19-will-double-number-people-facing-food-...

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 24 de xullo de 2020]