Os dereitos sociais e laborais en Europa en tempos de austeridade e desregulación
Durante dos días 25 e 26 de novembro, vaise celebrar en Bruxelas a Conferencia Internacional sobre os Dereitos Sociais e Laborais en Europa, organizada pola plataforma Alter Summit, da que a CIG forma parte. Entre outros debates, durante as xornadas tentaranse definir eixos comúns de acción ou como confrontar as políticas das institucións da UE desde as nosas perspectivas nacionais e locais.
Servizos públicos locais
Proposta pola CIG, que forma parte da organización da Conferencia, tamén participará a Tenente de Alcalde do Concello de Carballo, Belén Lendoiro, para explicar as dificultades de ofertar servizos públicos para as corporacións locais na área dos Servizos Sociais, e as alternativas que se poden considerar desde as mesmas, expoñendo a súa experiencia.
Durante os dous días de sesións plenarias e talleres, discutirase a urxencia dunha transición ecolóxica, a dixitalización e internacionalización dos procesos produtivos, a política e impacto social da migración e a necesidade de defender servizos públicos e comúns. Intercambiaranse puntos de vista sobre as loitas e prácticas en toda Europa e tentarase definir eixos comúns para a acción.
Así mesmo, explica Xosé Lois Rivera, responsábel de Internacional da CIG, tamén se vai debater como confrontar as políticas das institucións da UE desde as nosas perspectivas nacionais e locais.
Enfrontar as políticas austericidas
A Unión Europea - de acordo coa maioría dos Estados membros - continúa impoñendo a austeridade e políticas antisociais. Estas políticas teñen serias consecuencias negativas: perda de millóns de empregos, os salarios están conxelados ou cortados, a flexibilidade e a precariedade están crecendo de xeito dramático. A saúde, a protección social, os servizos públicos e os sistemas de negociación colectiva están sendo desmantelados.
Millóns de mozos e mozas traballadores/as son forzados/as a emigrar desde a periferia ao centro de Europa, con dificultade de acceso á vivenda e saúde. Ademais, a evasión fiscal, os paraísos fiscais e os inxustos sistemas de tributación están enfraquecendo as capacidades orzamentarias dos estados e institucións para responder a necesidades sociais e ecolóxicas.
A dixitalización e a internacionalización está modificando profundamente os sistemas produtivos, cambiando as estratexias dos sindicatos e movementos sociais. Ademais, a Unión Europea e membros estados deberan investir millóns para unha transición xusta, para o emprego, para escolas, hospitais e outras infraestruturas para responder ás necesidades sociais e acoller aos miles de refuxiados que foxen da guerra e a miseria.
Alternativas para a maioría social
Pero o futuro proposto polas elites europeas non é tranquilizador: Informe das propostas mantidas nas 5 Presidencias, os acordos do programa REFIT ou de libre comercio en negociación (TTIP, CETA & TISA) van ser un novo ataque - baixo a presión de reembolso da débeda pública e o mantemento da competitividade internacional – contra os logros de décadas de loitas de traballadores/as e movementos populares.
Porén, hai moitas alternativas: salarios xustos, menos horas de traballo para máis emprego, o acceso á saúde pública, vivenda e educación, auga e aire limpos, pero tamén máis democracia, máis solidariedade e máis liberdades. Por iso, algunha das cuestións que se formularán na conferencia versas sobre as estratexias comúns a levar adiante, como xestionar o poder da UE, que dereitos colectivos son necesarios para o século XXI, que campañas en común podemos construír ou como ser máis fortes na nosa diversidade.