Os datos do paro mostran que o emprego que se xera en Galiza é precario e inestábel
Os datos do paro rexistrado do mes de abril demostran o que a CIG leva anos advertindo: o emprego que se crea é en condicións precarias, con baixos salarios e sen estabilidade. A afiliación media á Seguridade Social reflicte que case o 50% das novas altas están concentradas no sector da hostalaría e ligadas ao turismo -en abril medran as contratacións con motivo da Semana Santa- e, ademais, máis da metade dos contratos que se asinaron foron na modalidade fixa-descontinua.
En Galiza, o desemprego reduciuse en 2.377 persoas, o 74% no sector servizos, acadándose as 112.293 persoas inscritas no mes de abril, un 2% menos que no mes anterior.
“Trátanse polo tanto de emprego estacional, que non ten capacidade de ofrecer a seguridade nos ingresos e a estabilidade no tempo que precisa a clase traballadora”, valora o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío. Fronte a este modelo precario, a CIG reclama un modelo económico e social no que a industria deixe de perder peso e sexa un dos motores no emprego e na economía. “Hai que xerar postos de traballo noutras actividades que ofrezan máis estabilidade e que non estean exclusivamente ligados ao comercio, ao turismo e á hostalaría”.
González Sío fai fincapé na debilidade deste modelo ante as crisis a nivel internacional, como a actual derivada da guerra en Irán e o aumento da carestía da vida, ou en crises anteriores sufridas no Estado español “nas que o emprego que se creou en anos desapareceu en meses”.
Falta de política industrial
O secretario confederal de Negociación Colectiva tamén critica a ausencia de política industrial da Xunta de Galiza, malia ter as competencias neste materia, e lembra que a CIG, entre outras propostas, leva dende o ano 2018 reivindicando a necesidade de atraer novos fabricantes do sector da automoción, dada a relevancia desta actividade para moitas comarcas do país.
Neste senso, saudou que agora o Goberno galego asuma esta prioridade, así como a necesidade de que Galiza dispoá dunha fabrica de baterías, “pois durante anos a Xunta dedicouse a facer de correa de transmisión de Citroen e dos seus intereses, mentres o tecido industrial galego esmorece, perde peso no conxunto da economía e séguese a destruír traballo estábel e en condicións dignas”.
Derrogación das reformas laborais
Por iso, reivindica a derrogación das reformas laborais (tanto a de 2012 como a de 2021), que se restitúan os dereitos perdidos e medidas para atallar o abuso na contratación a tempo parcial. “Os gobernos español e galego deberían estar máis preocupados por promover a contratación indefinida e a tempo completo, para que as persoas traballadoras teñan o seu salario asegurado durante todos os meses do ano e teñan uns ingresos decentes, que por facer propaganda”.