Os datos do paro constatan a consolidación dun modelo laboral no que as e os traballadores temporais pasan a ser parciais
Os datos do paro consolidan un modelo laboral no que as traballadoras e traballadores deixan de ser temporais e pasan de ter contratos a tempo parcial. Así o considera o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, quen subliña ademais que “o descenso do desemprego en Galiza foi o terceiro máis baixo por comunidades autónomas” xa que só Valencia e Euskadi teñen descensos do desemprego inferiores. Un descenso estacional porque coincide coa Semana Santa.
Así as cousas, no mes de abril rexistráronse en Galiza 139.343 persoas desempregadas, un total de 2.504 menos que no mes de marzo, co que o desemprego baixou o 1,8%. Para González Sío que os datos sexan peores que os do resto de comunidades do Estado, ten que ver, moi probablemente, cunha menor afluencia de peregrinas e peregrinos no Camiño de Santiago, ao non ser o 2023 Ano Santo. “O modelo baseado no turismo fai que, aínda que no resto do Estado sexa tamén o imperante, actúe con máis forza en Galiza”.
Malia isto, o secretario confederal de Emprego considera que os elementos diferenciadores no desemprego que hai no Estado español e na Galiza seguen inalterábeis. “O 58% da poboación desempregada seguen sendo mulleres, o 70% do paro concéntrase no sector Servizos, que é tamén o sector no que houbo maior caída en termos absolutos, o 73%”.
González Sío apunta ademais outro dato preocupante do modelo laboral galego, que é que o 60% das persoas desempregadas son maiores de 45 anos.
A precariedade chegada coa nova reforma laboral
Na afiliación media do réxime xeral apunta como a consolidación do novo modelo implantado coa reforma laboral “ten nome e apelidos”, porque dos 6.312 novos contratos indefinidos, 2.741 son fixos descontinuos. A estes engade os indefinidos a tempo parcial, co que entre todos achégase ao 60% dos contratos indefinidos nestas formas de contratación precarias. Datos que entende que veñen constatar o que a CIG leva denunciando desde a aprobación da reforma laboral, “ese modelo baseado na parcialización do traballo”.
Respecto da contratación temporal sinala que tamén aumentan os contratos a tempo parcial. Nese sentido subliña un dato significativo que é que “no ano 2009 había 54.000 parciais indefinidos, mentres que en 2023 hai 112.000, o que implican que se multiplicaron por máis de dous. O mesmo ocorre cos fixos descontinuos que se multiplicaron por seis pasando de 6.643 no ano 2009 aos 112.998 actuais”.
Afiliación media réxime xeral por tipo de contrato
Variación mensual |
||||||
Xaneiro 2009 |
Feb-2023 |
mar-23 |
abr-23 |
% |
Absoluta |
|
753.179 |
781.540 |
788.339 |
794.651 |
0,8 |
6.312 |
|
INDEFINIDO-T. Completo |
393.193 |
450.415 |
454.017 |
457.057 |
0,7 |
3.040 |
INDEFINIDO-T. Parcial |
54.267 |
110.749 |
112.050 |
112.998 |
0,8 |
948 |
INDEFINIDO-FiXos DEscontinuos |
6.643 |
32.307 |
33.307 |
36.048 |
8,2 |
2.741 |
TEMPORAL-T. Completo |
171.062 |
84.812 |
85.097 |
84.164 |
-1,1 |
-932 |
TEMPORAL-T. Parcial |
58.866 |
27.305 |
27.094 |
27.159 |
0,2 |
65 |
APREND., FORMACIÓN E PRÁCT. |
12.971 |
7.138 |
6.904 |
6.506 |
-5,8 |
-398 |
OUTROS(*) |
56.176 |
68.814 |
69.870 |
70.718 |
1,2 |
848 |
Descontento na clase traballadora
Isto está provocando, segundo o secretario confederal de Emprego, “un descontento enorme entre a clase traballadora galega xa que lle impide ter un salario completo ou conciliar a súa vida laboral e familiar”. Por iso, reitera a exixencia da CIG da derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 e máis a última, que “no trae novos dereitos, senón novos recortes”.
Chama tamén a atención sobre o feito de que todos os meses haxa máis dun 35% de contratación indefinida. “Neste mes un 37,8 pero, porén, os datos do paro aínda que descenden levemente seguen sendo moi altos”. Isto, ao seu entender, ten que ver cun incremento de despedimentos de traballadoras e traballadores con contrato fixo.
A este respecto indica que “ter un contrato fixo no é, como antes, garantía de ter estabilidade laboral” porque agora “o despedimento xa se está tratando como algo normal o que é moi perigoso no mercado laboral español pola febleza que ten”.
Nese sentido subliña que aumentaron, especialmente, os despedimentos de persoas indefinidas por non superar o período de proba, porque “en moitos convenios colectivos esténdense durante meses levando aos traballadores a unha indefensión total e absoluta e podendo ser despedidos mesmo sendo ser indefinidos sen ter ningún tipo de posibilidade de indemnización”, di.
Por outra banda salienta que a contratación temporal descendeu porque desapareceron os contratos por obra e servizo, que se converteron en fixos descontinuos, mais os contratos por circunstancias da produción ou ben os de substitución que antes eran de interinidade seguen nos mesmos niveis que anteriormente. Polo tanto o que houbo aquí foi “un cambio de cromos pero o mercado laboral segue sendo igual de feble e precario como era antes da reforma, cunha nova cuestión a engadir, nesa cuestión que é a precariedade da man da parcialidade no mercado de traballo”, conclúe.